17 de mar. de 2011

O BNG de Portas denuncia que o PP lle nega toda información dende hai 6 meses

O goberno municipal oculta as súas decisións á oposición

O goberno municipal de Portas do Partido Popular facendo gala unha vez máis da súa prepotencia e falla de respecto pola democracia, non permite que os concelleiros do BNG poidan realizar a súa función de fiscalización. Négaselle calquera tipo de información, non respondendo as preguntas realizadas en Pleno, pero o que é moito máis grave, ocultándolle as actas da Xunta de Goberno.
Todas as decisións significativas do goberno municipal son tomadas en Comisión de Goberno, un órgano do que está excluído o BNG, baleirando absolutamente de contido os Plenos Ordinarios da Corporación.
A pesares da obrigatoriedade de enviarlle aos membros da Corporación as copias das actas das reunións da Comisión de Goberno nun prazo inferior a 10 días dende a súa celebración, isto en Portas non se cumpre, ata o punto de que hai 6 meses que se lle nega dita información.
O BNG leva meses esixindo que se lle informe das decisións do goberno municipal, pero agora que se achegan as eleccións municipais, o Partido Popular mostra a súa cara máis intolerante e trata de limitar ao máximo o traballo da oposición.
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego considera que o cumprimento da normativa por parte dos poderes públicos é obrigado, e ten que ser exemplarizante.

O Bloque Nacionalista Galego esixe ser informado de forma inmediata das decisións tomadas polo goberno municipal e denuncia a intolerancia, prepotencia e falla de vontade democrática do Partido Popular.