8 de feb. de 2011

A auga da traída municipal non é apta para o consumo, segundo as análises realizadas polo Concello

O alcalde non informa aos veciños e veciñas
Como cada ano, durante o pasado verán e outono volveuse a producir unha nova crise de algas tóxicas no río Umia. A enorme concentración de materia orgánica na auga estancada do encoro de Caldas dá lugar á formación de cianobacterias, que inxeridas poden producir graves problemas de saúde na poboación, ademais de danar a fauna e flora do propio río.
A pesares da gravidade da situación, o goberno municipal do PP actuando irresponsablemente non tomou medidas para atallar o problema e nin sequera informou dos riscos de beber a auga da traída municipal que subministra ás parroquias de Lantaño, Portas e Romai.
É inconcibíbel que a traída de Caldas de Reis fose subministrada durante meses con camións cisterna traídos da depuradora de Vilagarcía e en cambio Portas, que tivo a súa captación en niveis de alerta superior durante semanas, nin sequera informou aos usuarios.
As análises da auga da traída realizadas polo propio Concello de Portas demostran que se estivo a subministrar auga con elevadas concentracións de toxinas e incluso cuns niveis de ph moi por debaixo dos límites legais (auga ácida) (ver documento).
A nova potabilizadora, construída no monte de Romai grazas a un convenio asinado co anterior goberno da Xunta, púxose en funcionamento de forma provisional varias semanas despois de iniciada a crise das algas tóxicas, a pesares de que estaba rematada dende principios do ano 2010.
Nova depuradora no monte de Romai funcionando cun grupo electróxeno
A mala planificación do concello fai que un ano despois de estar rematadas as obras aínda non estea en servizo o subministro eléctrico, tendo que usar un grupo electróxeno a gasóleo cun custo desorbitado de máis de 4000 euros ao mes, e que produce numerosas paradas e interrupcións. En calquera caso, o concello de Portas debería informar que este tipo de depuradoras non están preparadas para eliminar a toxina.
O PP mentiu e segue a mentir sobre o encoro de Caldas. Dixéronnos que era a solución para as riadas e para garantir o subministro de auga no Salnés. Nin unha cousa nin a outra. As riadas seguen a producirse; Lantaño sofre inundacións todos os anos. E o subministro de auga tampouco está garantido pois as toxinas no río aparecen periodicamente. Nin sequera o PP confía xa no encoro, así a captación de auga para o concello de Barro e para o polígono industrial de Barro-Meis estase a construír en Briallos no río Chaín para que non estea afectada polo encoro.