26/12/2011

Moción do grupo municipal do BNG sobre o servizo da "Fundación Preescolar na Casa"


O BNG de Portas ven de presentar no rexistro do Concello a seguinte moción para que se trate no vindeiro pleno:

Moción do grupo municipal do BNG sobre o servizo da "Fundación Preescolar na Casa"

Conforme ao previsto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego do Concello de Portas desexa someter á consideración do Pleno a seguinte MOCIÓN, en base a seguinte

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

“Preescolar na Casa”, programa de educación con trinta e catro anos de historia e do que moitas familias deste concello se beneficiaron, está en serio perigo. Os cartos públicos aportados pola Administración autonómica vense diminuídos ata o extremo de que compromete a súa continuidade.
Este programa está vivo porque medra día a día coa aportación dos nenos, familias e profesionais. Cántase, xógase e apréndense recursos propios da vida. Permite gozar da crianza dos fillos ao mesmo tempo que se educan. Sempre se fala da importancia da familia e da educación, mesmo os políticos poñen especial énfase cando a vinculan ao éxito das persoas a ao futuro das sociedades.
Non se pode mutilar un proxecto que acada todos os obxectivos marcados, que aposta pola cultura propia e polo noso idioma.
Preescolar na Casa é un programa vertebrador porque leva presenza e vida ao rural, en grave perigo demográfico, e potencia o desenvolvemento das comunidades locais.
Acadou facilmente a socialibilidade de nenos moi pequenos. Tamén acadou vínculos e boa harmonía entre as distintas familias participantes no proxecto. É un proxecto de unión e conciliación. Une ás propias familias. Elas son as que sustentan as vidas dos fillos.
Neste Concello de Portas moitas nais e pais participando en “Preescolar na Casa” aprenderon a implicarse máis nas vidas dos fillos, dándolles a seguridade que todo ser humano necesita para medrar e enriquecerse como persoa. Non queremos que se produza a morte lenta dun programa que preserva os valores básicos da vida, da sociedade e da nosa terra.

Polo exposto, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego somete á consideración do Pleno esta MOCIÓN, para que este adopte o seguinte

ACORDO:

Instar á Xunta de Galicia: A manter as axudas a este servicio, para salvagardar a súa continuidade, cando menos, no nivel actual.

Ningún comentario: