27 de xul. de 2011

O BNG non é responsable da colocación da "Estreleira" no Centro Cultural de Romai

As ameazas do Alcalde de Portas non nos amedrantan


Onte 26 de xullo, apareceu colocada unha “estreleira” (bandeira galega cunha estrela vermella) na fachada do Centro Cultural de Romai. O Alcalde de Portas responsabilizou ao BNG da colocación.
Sen embargo, nin o BNG de Portas nin ningún dos seus membros son responsables deste suceso.
O Alcalde de Portas mostrando a súa infinita ignorancia confunde a “estreleira” cunha bandeira do BNG. Igual que a bandeira española non pertence ao Partido Popular, a “estreleira” é un símbolo que supera o ámbito dun simple partido político.
O Alcalde de Portas actúa irresponsablemente cando acusa SEN PROBAS, pero ademais minte porque asegura que a bandeira estivo na fachada do Local Social durante a celebración da “35ª Festa do Viño de Romai” o cal é absolutamente falso. A bandeira apareceu colocada o martes 26 de xullo, mentres que as festas se celebraron os días 23 e 24 do mesmo mes.
Ademais, no escrito que Roberto Vázquez dirixe á presidenta da “Asociación Cultural Xosefina Figueroa” asegura que paralizará subvencións concedidas por outras administracións.  O BNG rexeita estas ameazas  e considera que esta forma de actuar resulta despótica, caciquil e irracional.
Deberían retirárselle subvencións ao Concello de Portas se algún vándalo coloca unha bandeira calquera na Casa do Concello?

O Bloque Nacionalista Galego lamenta a irresponsable actuación do Alcalde de Portas por acusar en falso ao BNG e ao seu voceiro da colocación dunha “estreleira” no local social do Centro Cultural de Romai. Pedímoslle a Roberto Vázquez que a animadversión e o odio que mostra cara o BNG sexan substituídos por cordura e sensatez.
Escrito do Alcalde á Presidenta da Asoc. Cult. Xosefina Figueroa
Pinchar para ampliar

13 de xul. de 2011

Pleno extraordinario

O venres 15 de xullo ás 14:50 h. celebrarase un pleno extraordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:

1. Aprobación da acta da sesión anterior.
2. Solicitude de iniciación do procedemento de valoración catastral de carácter xeral polo Concello.

9 de xul. de 2011

Soldo do Alcalde de Portas

O venres pasado, 8 de xullo, aprobouse a organización do Concello de Portas para a recentemente estreada lexislatura. Entre os puntos máis polémicos aprobados cos únicos votos a favor do grupo do Partido Popular pódense mencionar:
- Os plenos ordinarios celebraranse cada 2 meses, o último venres hábil dos meses pares ás 14:50 h.
- O Alcalde terá unha dedicación exclusiva e cobrará 40.886€/anuais en 14 pagas.
- Creouse a Xunta de Goberno Local composta exclusivamente por membros do Partido Popular (o Alcalde e tres Tenentes de Alcalde), e polo tanto, sen representación dos grupos da oposición.
Delegáronse na Xunta de Goberno a meirande parte das competencias do Pleno da Corporación.


O BNG de Portas considera que:
O horario dos plenos é totalmente inadecuado pois impide de forma efectiva que os veciños e veciñas poidan asistir a eles. O BNG propuxo que os plenos se celebrasen ás 20:00h no verán e ás 19:00h no inverno pero a súa proposta foi rexeitada polo PP.
O Alcalde debe ter dedicación exclusiva para traballar no concello e, fuxindo da demagoxia, debe ter un salario acorde ás súas obrigas e responsabilidades. Sen embargo, opoñémonos totalmente a que o salario do Alcalde de Portas sexa superior ao de alcaldes de concellos próximos moito máis grandes (Caldas de Reis, PSOE, 10.300 habitantes, 40.700€/anuais) (Cuntis, PP, 5.171 habitantes, 35.000€/anuais) (Moraña, PP, 4.274 habitantes, 33.000€/anuais).
- Excluír á oposición da Xunta de Goberno Local, aínda que legal, é unha manobra do Partido Popular para impedir que o BNG poida desempeñar o seu labor de oposición.
O obxectivo do PP ao delegar case todas as competencias do Pleno na Xunta de Goberno é baleirar de contido os Plenos da Corporación, unha vez máis para limitar o traballo de oposición do BNG.


A estratexia do Partido Popular é limitar por todos os medios o traballo de oposición do BNG.
Exclúe ao BNG da Xunta de Goberno.
Delega as competencias do Pleno na Xunta de Goberno.
Oculta as decisións da Xunta de Goberno. Lembramos que antes das eleccións municipais o PP negoulle durante 7 MESES ao BNG as actas da Xunta de Goberno, a pesares de que por lei teñen a obriga de entregalas en menos de 10 días dende que se celebran.

5 de xul. de 2011

Pleno extraordinario

O venres 8 de xullo ás 14:50 h. celebrarase un pleno extraordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:
1. Aprobación da acta de constitución da corporación do 11 de xuño.
2. Periodicidade das sesións do pleno.
3. Coñecemento de constitución dos grupos políticos municipais e de designación dos seus voceiros.
4. Creación e composición das comisións informativas permanentes.
5. Nomeamento dos representantes da corporación en órganos colexiados.
6. Coñecementos das resolucións da Alcaldía sobre o nomeamento  dos Tenentes de Alcalde.
7. Proposta de designación de concelleiros representantes das distintas áreas.
8. Proposta de creación da Xunta de Goberno Local.
9. Proposta de recoñecemento de dedicación exclusiva, e fixación de indemnización aos concelleiros.
10. Delegación de competencias do Pleno na Xunta de Goberno Local.