27 de xuño de 2011

A depuradora de Romai consumiu 36.000 euros en gasoil

2011_0611 - Xerador eléctrico a gasoil a pesares de ter
un transformador e unha acometida eléctrica
(pinchar para agrandar).

Por fin!!!! Por fin, a depuradora de auga potable de Romai que dá servizo ás parroquias de Lantaño, Portas e Romai funciona dende a semana pasada sen consumir gasoil.
A depuradora foi construida cun convenio do anterior goberno galego e a pesares de que a súa construción rematou a principios do ano 2010, non entrou en funcionamento ata finais de setembro de 2010 para reducir (que non eliminar) o problema da toxinas procedentes da proliferación de algas na auga do río Umia.
A depuradora púxose a funcionar de forma provisional, subministrándose de enerxía dun xerador eléctrico a gasoil que consumía máis de 4.000 euros mensuais.
O 10 de maio de 2011 (en plena campaña electoral e polo tanto estando prohibidas as inauguracións de obras) a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas fixo a entrega oficial das obras rematadas ao Concello de Portas que pasou a asumir a súa xestión e mantementeo, aínda que en realidade xa o viña facendo dende setembro de 2010.
Incriblemente, aínda que dende o verán de 2010 estaba rematada unha nova acometida eléctrica e un transformador para dar subministro á depuradora, non se fixera a conexión pola desidia e neglixente xestión do goberno municipal.
Por fin, a semana pasada conectouse a depuradora co transformador eléctrico, permitindo que o aforro enerxético sexa moi considerable.
Os nove meses que a depuradora estivo conectada a un xerador de gasoil costoulle ás arcas do concello de Portas a friolera de 36.000 euros. Cartos de todos os veciños e veciñas malgastados pola neglixente xestión do grupo de goberno do Partido Popular.
2011_0626 - Aquí estivo o xerador durante 9 meses consumindo 36.000euros (pinchar para agrandar).

24 de xuño de 2011

Comida-xuntanza na Illa de Cortegada

O domingo 17 de xullo o BNG de Portas organiza unha comida-xuntanza na Illa de Cortegada.
Pepucho fai de barqueiro e pon a barca.
Cada un pon a súa comida e a súa bebida. Logo xa compartiremos.
Están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s do BNG de Portas, coa única limitación de que o barqueiro "dea feito" a cruzar...
Non hai escusa válida: boa compañía, lugar idílico, ganas de festa, piscina xigante,...
Para anotarse, avisade cun correo, unha chamada ou falando con calquera dos "habituais": Arturo, Rafa, Teté, Pepe, Pepucho, Pili, María, Juan, ...

7 de xuño de 2011

Sesión de Investidura

O vindeiro sábado 11 de xuño ás 11:00 h. celebrarase no salón de plenos da Casa do Concello de Portas a sesión constitutiva da corporación municipal e elección de Alcalde.

Neste acto, os representante electos do BNG tomarán posesión da súa acta de concelleiros :
- Arturo Norberto Fontán Pérez (Arturo),
- Rafael Rubial Pereira (Rafa), e
- María Teresa Rivas Buceta (Teté).

O BNG de Portas quere convidar a todos os amigos e amigas a este acto de investidura. Estaríamos moi contentos de contar coa vosa compaña.

5 de xuño de 2011

Pleno extraordinario

O mércores 8 de xuño ás 14:50 h. celebrarase un pleno extraordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:


Punto único. Aprobación actas sesións anteriores.

1 de xuño de 2011

Asemblea local de Portas

O sábado 4 de xuño ás 22:00 h. celebrarase unha asemblea no local da Antiga Cámara Agraria en Portas.
Trataránse temas de política local e análise dos resultados electorais.
Rógase asistencia e puntualidade.