09/05/2011

O PP hipoteca o futuro goberno do concello de Portas

É necesario un crédito urxente para evitar o colapso financeiro


A situación das contas do concello de Portas é desesperada. Cando  o goberno municipal do PP non espera nin sequera a  pasar as eleccións para pedir un novo crédito de 350.000€ significa que a situación é dramática.

Hoxe 9 de maio, ás 14:50h, celebrouse un pleno extraordinario urxente da corporación local do concello de Portas. Cos únicos votos a favor do Partido Popular, aprobouse solicitar un crédito á Caixa de Anticipos da Deputación de Pontevedra por valor de 350.000€, a cargo das futuras transferencias do Estado.
Os concelleiros foron convocados con só tres horas de antelación e en plena campaña electoral, mostrando unha vez máis a prepotencia, autoritarismo e falla de sentido común do Partido Popular e o seu alcalde, Roberto Vázquez.
A situación económica do concello de Portas é extremadamente delicada. Segundo se expuxo no pleno, as contas bancarias do concello atópanse a día de hoxe en números vermellos polo que, para facer fronte aos gastos ordinarios de funcionamento dos servizos públicos básicos, faise imprescindible solicitar un anticipo á Deputación.
O BNG considera que a neglixente xestión económica do grupo de goberno do Partido Popular provoca que a única forma de afrontar pagos de gasto corrente sexa aumentando o endebedamento, imposibilitando evidentemente calquera tipo de inversión produtiva. Tamén hai que resaltar as numerosas débedas contraídas polo concello e que están pendentes de pago dende hai anos.
Esta situación de penuria económica é consecuencia de anos de malgasto do PP, anos en que se investiron os escasos recursos do concello nunha piscina climatizada, nun miradoiro na cheminea da Azucreira ou en múltiples festas, mentres que os servizos básicos están desatendidos ou directamente non existen ou non funcionan.


O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o Partido Popular está a levar ao concello de Portas ao colapso financeiro. O BNG considera que recorrer ao endebedamento para afrontar gasto corrente non fai máis que empeorar a situación, ademais de hipotecar o futuro goberno que saia das vindeiras eleccións locais do 22 de maio.

Ningún comentario: