12 de abr. de 2011

O BNG denuncia que o Alcalde de Portas mantén a cesión a dedo do edificio da Azucreira en contra da resolución do Valedor

Incluso cando a concesión irregular rematou o 31 de marzo
O nome do beneficiario do contrato e a súa sinatura
mantéñense ocultos deliberadamente.

Con data de 31 de marzo de 2009 o alcalde de Portas, Roberto Vázquez, sen licitación ou poxa pública, autorizou a cesión de uso das instalacións municipais do edificio da Azucreira en exclusiva a unha persoa particular para que explote nelas un bar-cafetería (documento emitido polo Concello de Portas, nº 434 de data 2 de abril de 2009). Con esta cesión, o PP executou unha cacicada e unha concesión a dedo intolerable.
En maio de 2010, ante a negativa do grupo de goberno a revogar esta cesión irregular, o BNG presentou unha queixa ao Valedor do Pobo.
En novembro de 2010, o Valedor do Pobo resolveu a favor das teses do BNG formulándolle ao sr. Alcalde o seguinte recordatorio de deberes legais: “De conformidade co establecido no artigo 78 do Regulamento de Bens das Corporacións locais de 30 de xuño de 1986, o Concello de Portas debe iniciar a tramitación do expediente administrativo procedente para adxudicar o disfrute e aproveitamento das instalacións existentes no edificio municipal da Azucreira mediante unha licitación pública. Con todo, o Alcalde segue a negarse a revogar a cesión, e tampouco emite un informe sobre dita resolución, a pesares de que o Valedor llo reclamou ata en catro ocasións.
Cando xa parecía que a actuación do Alcalde non podía ser máis dolosa, resulta que o concesionario segue a explotar economicamente as instalacións municipais de forma exclusiva a pesares de que a autorización irregular rematou o pasado 31 de marzo (tiña validez por un ano, prorrogable ata dous).


O Bloque Nacionalista Galego denuncia a vontade deliberada do Alcalde de Portas de cometer esta adxudicación a dedo a sabendas da súa ilicitude e esixe que se convoque unha poxa pública de forma inmediata.


Ningún comentario: