5 de feb. de 2011

As ruínas do pavillón de Romai mostran a desidia do alcalde


Mentres o pavillón de Romai podrece no esquecemento ou os campos de fútbol de Lantaño e Romai non recibiron unha peseta do goberno local do PP en 19 anos de goberno, o alcalde presume de gastar centos de miles de euros nunha piscina climatizada ou nun miradoiro na cheminea da Azucreira.
Este goberno municipal perdeu absolutamente o norte, e en lugar de cubrir as necesidades básicas dedica os escasos recursos do Concello a proxectos faraónicos que logo non pode manter.
O deterioro do pavillón de Romai é tal que as clases de ximnasia, que un grupo de mulleres viñan organizando durante anos, tiveron que suspenderse ante a imposibilidade material de realizalas coa pista inundada e sen luces (todas están rotas). A esperpéntica, ridícula e insultante solución que lles propuxo a Alcaldía ante as queixas das afectadas foi que realizasen as clases de ximnasia no escenario do Teleclube ou se trasladasen ao pavillón da Rapeira.
O goberno municipal é incapaz de arranxar o pavillón de Romai pero quere convencer aos veciños e veciñas de Portas para que 800 casas do concello paguen 120 euros todos os anos para manter unha piscina climatizada.
Aínda que o número de usuarios en Portas duplicase ou triplicase a porcentaxe de habitantes que usan as piscinas noutros concellos (Caldas, Vilagarcía, Sanxenxo, Pontevedra) non se chegarían a cubrir nin a cuarta parte dos gastos.
Os números do PP son falsos porque parten de supoñer uns gastos anuais de mantemento moi inferiores aos
reais, e sobre todo, son imposíbeis porque o concello de Portas ten menos de 800 casas habitadas. O que
oculta o PP é que a cota anual por casa terá que ser moito maior ou haberá que pagar o mantemento cos cartos de todos e todas, sexan usuarios ou non.
O goberno municipal de Portas ten facturas sen pagar do ano 2004 e sen embargo a súa prioridade é inaugurar
unha piscina climatizada antes das eleccións de maio de próximo.

Un compromiso do BNG no próximo goberno de Portas é resolver os problemas do pavillón de Romai e atender adecuadamente as entidades deportivas do Concello.
O pavillón de Romai convertido en piscina, pero non climatizada.

Ningún comentario: