25 de nov. de 2010

A Escola Infantil de Portas ten cortes eléctricos a diario

O BNG acusa ao Alcalde de Portas de pasividade

A Escola Infantil de Portas, que pertence á rede de Galiña Azul, soporta cortes no subministro eléctrico practicamente a diario. A deficiente conexión eléctrica coa rede exterior provoca os cortes, que implican que deixe de funcionar o sistema de calefacción, que os nenos e nenas estean en penumbra nas aulas e, o que é peor de todo, que nin sequera se lles poida quentar a comida, polo que aos máis cativos, que non poden tomar outra cousa que non sexa biberón, non se lles poidan dar as tomas nas horas que lles corresponde.

Esta situación non é nova, xa que se repite practicamente dende que se puxeron en funcionamento as instalacións. O Concello de Portas que é o responsable do mantemento, é coñecedor desta situación, pois son numerosas as queixas da dirección da Escola e dos pais e nais. Tamén son habituais os cortes eléctricos no Centro de Día.

Ante estas deficiencias, o Concello de Portas, en lugar de resolver os problemas de conexión coa rede eléctrica exterior, puxo un remendo cun grupo electróxeno que está a funcionar dende a lo menos abril de 2009, cun custo de 700€/mensuais, o cal supón 14.000€ acumulados dende entón. En calquera caso, o problema non se resolveu, e ademais o remendo, que debería ser algo provisional, está a producir unhas cargas enormemente gravosas para as maltreitas arcas municipais.

Esta situación de pasividade do goberno municipal do PP tamén se repite na nova depuradora de auga potable que subministra á traída municipal nas parroquias de Lantaño, Portas e Romai. Estas instalacións están a funcionar dende outubro de xeito provisional tamén cun xerador de gasoil ante a falla dunha conexión acaída coa rede eléctrica. A crise das algas tóxicas no río Umia foi o detonante para que unhas obras que estaban rematadas a principios de ano puidesen poñerse en funcionamento, pero dun xeito absolutamente chapuceiro.

O Bloque Nacionalista Galego esixe que se resolva de xeito inmediato e definitivo o subministro eléctrico da Escola Infantil, do Centro de Día e da depuradora de auga potable da traída municipal.