25 de out. de 2010

A auga da traída municipal non é apta para o consumo

O BNG acusa ao Alcalde de Portas de irresponsabilidade
Dende que hai máis dun mes se iniciara a crise das algas tóxicas no río Umia, o goberno do Concello de Portas atópase desaparecido e non toma as medidas necesarias para atallar ou sequera paliar os problemas de contaminación na traída municipal que subministra a tres das catro parroquias do concello (Lantaño, Portas e Romai).
A proliferación de cianobacterias na auga do río Umia provoca que a captación municipal de Rabuñade (Lantaño) se atope actualmente en alerta máxima (Alerta 2) de vixilancia pola contaminación con toxinas, sendo a segunda vez en menos dun mes.
A pesares da gravidade da situación e do risco para a saúde da poboación, o Concello actuando irresponsablemente non informou aos usuarios nin tomou medidas para solucionar o problema.
A potabilizadora, construída cun convenio asinado coa Xunta anterior, púxose en funcionamento hai escasos días de forma provisional cun xerador eléctrico portátil, a pesares de que leva rematada dende hai case un ano. En calquera caso non está preparada para eliminar a toxina.
Como é posible que para Caldas de Reis se estea subministrando auga en camións cisterna estando en Alerta 1 na captación de Segade, mentres o Concello de Portas cun nivel superior de alerta (Alerta 2) nin sequera advirta dos riscos á poboacion?
O Alcalde (PP), máis preocupado na súa ambición por ser candidato á Alcaldía nas vindeiras eleccións, a pesares da súa condena por corrupción, non defende os intereses dos veciños e veciñas de Portas e unha vez máis subordínase aos intereses da Xunta na esperanza de que o Partido Popular o premie polo seu silencio.

O Bloque Nacionalista Galego esixe que se informe á poboación do risco para a saúde polo consumo de auga da traída municipal e a adopción das medidas necesarias para garantir de forma inmediata a súa salubridade, así como unha solución definitiva para a eliminación de algas tóxicas no río Umia.