9 de xul. de 2010

Os proxectos hidráulicos da Xunta e a Deputación son moi lesivos para Briallos

O BNG de Portas organiza unha charla informativa en Briallos

O domingo 11 de xullo, ás 11:00 h. da mañá, o BNG de Portas realizará unha charla nas Escolas de Briallos para informar a todos os veciños e veciñas sobre dous temas de gran repercusión para a parroquia:

- captación no río Chaín para abastecer ao Concello de Barro e ao polígono industrial Barro-Meis,

- nova Lei de Augas de Galiza.

A Xunta, a Deputación e os Concellos de Barro e Portas teñen asinado un convenio para a construción dunha captación para subministrar ao Concello de Barro e ao polígono industrial Barro-Meis. Esta captación realizarase no mesmo punto do río Chaín no que xa existe unha captación para a parroquia de Briallos. No convenio asinado o Concello de Portas comprométese a mercar os terreos para as novas instalacións pero non obtén ningún beneficio a cambio. Ademais de poñer en risco o abastecemento da parroquia en época estival dado o escaso caudal do río, supón un agravio comparativo pois Portas ten que facer un considerable desembolso económico mentres que o concello de Barros, que é o máximo beneficiado, non ten que pagar nada. Tamén se producirá unha suba brutal no prezo da auga e se perderá a xestión municipal da captación, que pasará a mans privadas.

Por outra banda, o BNG de Portas segue desenrolando a campaña informativa sobre o alcance da nova Lei de Augas, que se está debatendo no Parlamento de Galiza. Esta lei tal como se pretende aprobar é terriblemente lesiva para todos os veciños do concello. O PP pretende crear dous novos impostos indirectos (canon da auga e coeficiente de vertido) coa única intención de aumentar a capacidade recadatoria da Xunta, incrementando de forma exponencial a presión fiscal sobre o uso e consumo de auga. Estas novas cargas recaen fundamentalmente sobre os consumos domésticos e asimilables (comercio, hostalaría ou pequenas empresas), aínda que non dispoñan de servizos municipais de abastecemento e/ou saneamento.