24 de xuño de 2010

O PP retrasa deliberadamente a toma de posesión de 2 concelleiros do BNG

O BNG de Portas denuncia outra cacicada do Alcalde


Mañá, venres 25 de xuño ás 14:50 h., celebrarase na casa do Concello de Portas un pleno ordinario, no que non poderán participar dous membros electos do BNG, habendo puntos da orde do día de toma de decisións, porque o Alcalde de Portas (PP) non os convoca previamente para tomar posesión do cargo de concelleiro.

O grupo municipal do BNG, que debería contar con tres concelleiros, sufriu dúas baixas pola renuncia de Xavier Loureiro (28 de marzo de 2010) e o falecemento do compañeiro Keko García (24 de abril de 2010), sen embargo aínda están sen cubrir as vacantes, a pesares de que a Xunta Electoral Central xa nomeou os substitutos e estes xa dispoñen das credenciais dende hai tempo.

Tamén mañá, pero ás 15:10 h., só 20 minutos despois do primeiro, hai convocado un Pleno Extraordinario precisamente para que os dous novos concelleiros do BNG tomen posesión do seu cargo: Raúl Lorenzo (Briallos) e Teresa Rivas (Lantaño).

Esta forma de proceder do grupo de goberno do Partido Popular supón un novo desprezo pola democracia e unha cacicada. Deliberadamente estáselle limitando ao BNG a lexítima representación no pleno da corporación que acadou nas eleccións de maio de 2007, pero o que é máis grave, estase tratando de silenciar a voz dos veciños e veciñas de Portas que votaron por unha opción diferente da de goberno. E de paso, dilapídanse os cartos públicos porque en escasos 20 minutos cóbranse dúas dietas.

O grupo de goberno do PP está a tomar represalias contra o BNG por exercer con firmeza o seu papel de oposición, denunciando os escándalos de corrupción do concello (o Alcalde de Portas está condenado por negociacións prohibidas aos funcionarios), as cesións de instalacións municipais a dedo ou as débedas económicas, entre outros.


O Bloque Nacionalista Galego denuncia a intencionada dilación por parte do Alcalde de Portas para retrasar a toma de posesión de dous concelleiros elixidos democraticamente, impedíndolles que participen na toma de decisións.