7 de maio de 2010

O BNG denuncia a cesión irregular do edificio da Azucreira

Cacicada e concesión a dedo do Alcalde de Portas

Con data de 31 de marzo de 2009 o Alcalde de Portas, Roberto Vázquez, sen coñecemento do Pleno da Corporación, nin sequera da Xunta de Goberno, autorizou a cesión de uso en precario por un periodo de dous anos do auditorio, a sala de exposición e o salón do edificio da Azucreira a unha persoa particular (ver documento adxunto). Este concesionario, con coñecemento do alcalde, está a explotar economicamente as instalacións mediante un bar-cafetería, pero sen licitación ou poxa pública.

O alcalde está a cometer unha ilegalidade porque autoriza o uso dunhas instalacións municipais a unha persoa concreta sen que ninguén máis poida optar á cesión. Tampouco os negocios próximos poden competir en igualdade de condicións, pois o concesionario non ten que pagar ningún tributo ao concello, nin o consumo de auga e electricidade. Esta é unha cacicada e unha concesión a dedo intolerable.

O BNG non cuestiona se a xestión do actual concesionario das instalacións é axeitada ou non, sen embargo, a cesión é irregular e comporta unha gran inseguridade xurídica para o concesionario en caso dalgún incidente.

O Bloque Nacionalista Galego esixe a revogación inmediata da autorización, e se convoque unha poxa pública, de acordo aos principios de publicidade, concorrencia, transparencia, igualdade e non discriminación, establecendo unhas bases con criterios obxectivos que garantan a igualdade de oportunidades dos interesados na explotación do bar, ademais de evitar a competencia desleal cos negocios próximos.

Nota: o nome do beneficiario do contrato e a súa sinatura mantéñense ocultos deliberadamente para que non se vexa prexudicado. Consideramos que quen actúa irregularmente é o Alcalde, non o concesionario.