29 de abr. de 2010

Portas celebra o primeiro pleno ordinario en 4 meses

O BNG esixirá a dimisión do alcalde condenado por corrupción

Mañá, venres 30 de abril ás 14:50 h., celebrarase na casa do Concello de Portas o primeiro pleno ordinario en máis de 4 meses.

Dende o último pleno celebrado a finais de decembro do pasado ano, aconteceron distintos sucesos de moita transcendencia para o Concello de Portas.

Neste tempo, o alcalde Roberto Vázquez (PP) foi xulgado e condenado a pagar unha multa de 3600€ e un ano de inhabilitación por negociacións prohibidas aos funcionarios. A sentenza considera probado que o alcalde se aproveitou do seu cargo público para gañar cartos a costa dos veciños e veciñas de Portas, tratando de ocultalo mediante empresas interpostas. Iso é corrupción!

Recentemente tamén aconteceu o tráxico falecemento do responsable local do BNG, o compañeiro Keko. Aínda que esta irreparable perda produciu unha grande consternación no grupo municipal do Bloque, que será difícil de superar, estamos decididos a encarar o futuro e proseguir cunha firme labor de oposición, propoñendo unha alternativa de goberno para o Concello de Portas.


O Bloque Nacionalista Galego de Portas esixirá a dimisión inmediata do Alcalde Roberto Vázquez, condenado por corrupción, e demandará que o grupo de goberno do Partido Popular atalle a corrupción e releve das súas funcións ao rexedor de Portas.