20 de abr. de 2010

O BNG esixe a dimisión inmediata do alcalde Roberto Vázquez (PP)

O Alcalde de Portas condenado a un ano de suspensión

O pasado venres 9 de abril fíxose pública unha sentenza do Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra pola que se condena ao alcalde de Portas, Roberto Vázquez Souto (PP), a pagar unha multa de 3.600 € e a un ano de suspensión de emprego ou cargo público como autor dun delito de negociacións prohibidas aos funcionarios.

A sentenza considera probado que o alcalde realizou contratacións administrativas directas para o Concello con empresas que á súa vez contrataban con firmas pertencentes a el mesmo ou á súa muller e fillos, pero das que el era o administrador.

A querela contra o alcalde foi presentada no ano 2000 por todos os grupos da oposición no Concello, incluído o BNG.

Contra o fallo cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial, dereito que Roberto Vázquez xa anunciou que exercerá.

A extrema lentitude da xustiza fixo que a sentenza se demorase 10 anos, beneficiando ao alcalde que grazas á dilación indebida no procedemento, foi condenado a unha pena menor da considerada na lei. Agora recorrerá a sentenza coa única intención de gañar tempo e aprazar unha vez máis a resolución definitiva deste asunto.

Hai que lembrar que Roberto Vázquez aínda ten pendentes varios xuízos entre os que destaca un por unha suposta fraude fiscal á Facenda Pública.

---

Cando o BNG denunciou as irregularidades nas contratacións por parte do alcalde, o Partido Popular negou os feitos. Cando o fiscal imputou ao alcalde en delitos de autocontratación, o Partido Popular respondeu que Roberto Vázquez era inocente. Agora que unha xuíz condenou ao alcalde por negociacións prohibidas aos funcionarios, o Partido Popular mira para outro lado e di que a sentenza non é firme.

Ao Partido Popular éncheselle a boca a diario dicindo que son incompatibles coa corrupción, pero a realidade é que ampara aos corruptos, e non hai que mirar en sumarios Gürtel, nin en casos Matas, … temos un caso ben próximo. Unha xuíz condenou a Roberto Vázquez por aproveitarse do seu cargo para gañar cartos a costa do concello de Portas. Iso é corrupción!

O Partido Popular vai a seguir tapando o nariz e mirando para outro lado? Ou pensa atallar o problema e botar do seu partido as mazás podres?

Recorrer a sentenza non vai cambiar a culpabilidade do alcalde, só retrasará a súa execución, prolongando a agonía de Roberto Vázquez, e provocando que a situación interna do concello sega a deteriorarse prexudicando ás veciñas e veciños que sempre son os damnificados. Se ao alcalde ou a Rafael Louzán lles quedase un mínimo de decencia e non antepuxesen os seus intereses ás necesidades da cidadanía, xa tería dimitido hai tempo.

Os concelleiros do PP de Portas non teñen nada que dicir? Por que seguen calados? Van tomar algunha medida ou seguirán cobrando do concello sen facer absolutamente nada? Canto dano lle ten que seguir producindo o alcalde a Portas para que o PP faga algo?

---

Onte, a presidenta do Partido Popular de Madrid, Esperanza Aguirre, ao ser preguntada nunha entrevista por se cre que os políticos deben deixar os seus cargos cando son imputados, declarou: "Me parece que si a un político lo imputan por una cuestión relativa a su cargo no tiene por qué dimitir, pero si de lo que se le acusa o de lo que hay indicios es de la utilización del cargo para enriquecerse, corrupción o cualquier cosa delictiva o incorrecta que tenga que ver con aprovecharse del cargo, entonces sí".

O BNG pregúntalle ao presidente provincial do Partido Popular, Rafael Louzán: vostede pensa igual que a súa homóloga do PP de Madrid?, ou seguirá amparando a políticos corruptos con tal de manter a súa poltrona?

Para o BNG non hai corruptos de primeira, porque aparezan nos titulares dos xornais, ou de segunda. Os políticos que se enriquecen aproveitándose do seu cargo son simplemente CORRUPTOS. Amparar a un corrupto para manter a cadeira propia, é outra forma de corrupción.

Quizais sexa oportuno recordarlle aos cargos públicos do PP o que di o seu propio Código de boas prácticas sobre o motivo da condena ao alcalde de Portas:

“1.e) Asumirán o compromiso de cumprir estritamente o réxime de incompatibilidades previsto nas leis, non dedicándose, por si nin por persoa interposta, a actividades que poidan vulneralo”.