15 de abr. de 2010

O BNG de Portas denuncia o lamentable estado de abandono do pavillón de Romai

O pavillón deportivo de Romai en estado ruinoso

O pavillón deportivo de Romai foi construído en 1986 co sacrificio persoal de moitos veciños e veciñas da parroquia, que poñendo a man de obra de balde, lograron gozar dun dos primeiros pavillóns deportivos na comarca, cando moitos dos concellos limítrofes aínda non tiñan ningún. Foi xunto co velódromo un éxito que agora podrece no esquecemento.

Dende que en 1992 o Partido Popular acadara o goberno do Concello de Portas o pavillón de Romai caeu no máis absoluto esquecemento da administración. En 18 anos de goberno “popular” non foi obxecto de ningunha reforma, pero tampouco do máis básico mantemento. O resultado é unha instalación onde os furados na cuberta fan que a pista de xogo se inunde cada vez que chove, onde todos os focos de iluminación están ou rotos ou fundidos, os vestiarios están cheos de escombros e lixo, as ventás están rotas, a maleza medra polas paredes, as fendas abertas ameazan con derrubes e as porterías e canastras son inservibles (ver fotografías adxuntas).

O Concello de Portas é responsable desta situación, que pon en risco a integridade dos usuarios que se aventuran a usar as instalacións. Tampouco a xunta rectora da Comunidade de Montes de Romai, da que o alcalde Roberto Vázquez forma parte dende hai 16 anos, fixo nada para resolver este problema.

O 14 de febreiro de 2009 o BNG presentou unha moción no concello para solicitar a reparación urxente e reforma do pavillón, acordándose por unanimidade no pleno de 27 de febreiro de 2009, levar a cabo o arranxo e mellora das instalacións. Sen embargo, máis dun ano despois o goberno municipal non fixo absolutamente nada respecto deste acordo plenario. Da a impresión de que ten que suceder unha desgraza persoal, que ninguén desexa, para que o concello tome medidas, aínda que xa non serán urxentes como se aprobara.

Dende hai anos, un grupo de mulleres, por iniciativa propia e sen apoio do concello, veñen realizando clases organizadas de ximnasia e mantemento físico dúas veces por semana no pavillón deportivo. Actualmente, a falla absoluta de iluminación obrígalles a empregar un xerador eléctrico particular para poder continuar coa súa actividade. A esperpéntica, ridícula e insultante solución que lles propuxo a alcaldía ante as queixas das afectadas foi que realizasen as clases de ximnasia no escenario do próximo local social da asociación cultural Xosefina Figueroa.

O Bloque Nacionalista Galego denuncia a situación de absoluto abandono do pavillón deportivo de Romai, responsabiliza delo ao Concello de Portas e esíxelle que asuma de forma urxente a reparación e reforma para garantir a seguridade dos seus usuarios, permitir o uso das instalacións con normalidade independentemente dos axentes atmosféricos externos e dotar as instalacións dunha acaída funcionalidade.