16 de mar. de 2010

O BNG denuncia que o Concello de Portas malgasta os investimentos do "Plan E 2010"

Nin un céntimo en gasto social

Con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local 2010, ao Concello de Portas correspóndelle unha cantidade de 333.944 € para realizar inversións xeradoras de emprego e actuacións de carácter social. A pesares da relevancia desta inversión para o Concello de Portas, e igual que sucedera co Plan E do ano pasado 2009, o PP aplicando o rodete da súa maioría absoluta excluíu de todo o proceso de selección e decisión de proxectos ao BNG. O grupo de goberno négase a tratar este tema en Pleno, e tampouco lle permite á BNG ter acceso ás actas da Xunta de Goberno, onde realmente se toman todas as decisións e onde a oposición está excluída.
Non existe democracia no Concello de Portas cando o grupo de goberno, saltándose todas as leis e o sentido común, lle nega calquera información á oposición, impedindo de forma efectiva que poida exercer o seu papel de fiscalización.
Segundo a web do Ministerio de Política Territorial, os proxectos presentados polo Concello de Portas a cargo do Fondo Estatal destinan o 87% dos fondos a “Acondicionamento interior da Azucareira” e a “Mirador da antiga Azucareira de Portas”, evidenciando unha vez máis a megalomanía do Alcalde e o seu grupo de goberno. Fronte á crise económica que está a acontecer, e mesmo as elevadísimas débedas do Concello de Portas, o PP resposta cun novo despropósito, insistindo en dilapidar os escasos recursos en obras inútiles que xa levan consumidos centos de miles de euros, en lugar de inversións produtivas tales como un punto limpo, obras de saneamento e abastecemento de auga, rehabilitación de centros culturais, construción e reparación de pistas, convenios de colaboración para a limpeza dos montes,...
Os delirios de grandeza cegan ao Alcalde e o seu grupo de goberno, que antepoñen as súas obsesións e miserias ás necesidades dos veciños e veciñas. A pesares de poder investir ata 66.923,00€ en gasto social, non destinaron a este fin nin un só céntimo.
O Bloque Nacionalista Galego denuncia a conduta antidemocrática do PP de Portas e a dilapidación de fondos públicos para materializar os delirios de grandeza do Alcalde.