17 de feb. de 2010

O BNG presenta unha moción para elaborar unha ordeanza de regulación de tenza de animais potencialmente perigosos

Considéranse animais potencialmente perigosos aqueles que son susceptíbeis de ocasionar morte ou lesións a persoas ou outros animais. O control destes animais compete aos concellos, que teñen a obriga de manter activo un rexistro de animais potencialmente perigosos dende decembro do ano 1999.
A pesar desta obriga legal, o Concello de Portas carece a día de hoxe dun rexistro de animais destas características, a pesares de que pasaron máis de dez anos dende a aprobación do corpo lexislativo que obriga aos concellos a crear un rexistro e conceder as licencias administrativas que habiliten a tenza de animais potencialmente perigosos.
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego considera que é necesario dar cumprimento á lei, exercer axeitadamente as competencias atribuídas ao concello, e polo tanto, regular a concesión das licenzas administrativas para a tenza de animais potencialmente perigosos e o rexistro municipal asociado.

Por todo isto, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou unha Moción no Concello propoñendo ao Pleno da Corporación Municipal de Portas a adopción do seguinte

ACORDO

Elaborar unha “Ordenanza para a regulación da concesión e renovación das licenzas administrativas para a tenza de animais potencialmente perigosos”, e crear a sección local do Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos, que conterá a información referente aos animais de compañía residentes no concello.