18 de xan. de 2010

O BNG de Portas presenta una moción para esixir a colocación de protección na pista de Lantaño xunto ao río Umia

Colocación de protección, tipo bionda dobre ou outra, na zona do río Umia, na estrada de Almirante (Lantaño) a Godos (Caldas de Reis)

Na parroquia de Lantaño, entre os lugares de Rial e Fontenla, pasa a estrada que une o lugar de Almirante coa parroquia de Godos do concello de Caldas de Reis, existindo un treito da mesma, dende o cruce coa pista que ven de Paraíso (Portas) até a seguinte curva á esquerda, no sentido de circulación cara a Godos, no que, de producirse un accidente con saída de vía, é moi probable que se caia no río Umia, constituíndo a situación actual un perigo inminente. Por razóns de seguridade cidadán e en especial de seguridade do tráfico rodado, deberíase instalar unha protección, tipo bionda dobre ou calquera outra, que impida de xeito efectivo, a precipitación á canle do río Umia no caso dunha saída de vía, que podería sobrevir con consecuencias fatais. Este perigo vese incrementado no inverno, coas baixas temperaturas, que fan que o viario estea máis esvaradío, incluso ás veces con xeada ou xeo dun día para outro, e as altas precipitacións, que ademais de provocar menor adherencia entre os pneumáticos e o pavimento, fan que o caudal do río sexa excepcionalmente alto, chegando ás veces preto do propio pavimento da nomeada estrada.

Asemade, deberíase ter garantida na medida do posible, a seguridade ante a posibilidade de xeada ou placas de xeo nesa mesma zona. Unha posible solución sería espallar sal nos días que se prevé que se vai dar este fenómeno.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego considera que é necesario instalar de forma inmediata unha protección que evite as saídas de vía no entorno do río Umia na estrada de Almirante a Godos, ademais de tomar medidas activas para evitar a formación de xeo na calzada durante o inverno.

Por todo isto, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou unha Moción no Concello propoñendo ao Pleno da Corporación Municipal de Portas adopción dos seguintes

ACORDOS

1. Instalar de xeito urxente unha protección, tipo bionda dobre ou outra, a carón do río Umia na estrada de Almirante (Lantaño) a Godos (Caldas de Reis) entre os lugares de Rial e Fontenla.

2. Garantir na medida do posible, a seguridade ante a posibilidade de xeada ou placas de xeo nesa mesma zona.