26 de maio de 2010

Convocatoria Extraordinaria da Comisión Especial de Contas

O venres 28 de maio ás 14:50 h. celebrarase unha reunión da Comisión Especial de Contas na Casa do Concello coa seguinte orde do día:


1. Aprobación de acta anterior.
2. Informe conta xeral exercicio 2007.
3. Informe conta xeral exercicio 2008.

18 de maio de 2010

Asemblea local de Portas

O domingo 23 de maio ás 12:00 h. celebrarase unha asemblea no local da Antiga Camara Agraria en Portas.

Trataránse temas de política local.
Rógase asistencia e puntualidade.

17 de maio de 2010

10 de maio de 2010

A adxudicación a dedo da cafetería da Azucreira divide aos hostaleiros de Portas

Nova publicada en La Voz de Galicia de 10 de maio de 2010


A concesión do bar do edificio sen poxa previa foi denunciada polo BNG

División de opinións entre os hostaleiros de Portas por mor de facerse público que o alcalde, o popular Roberto Vázquez, adxudicou a dedo a través dunha autorización en precario a explotación do edificio da Azucreira cun bar-cafetería. La Voz contactou onte con varios establecementos para coñecer a súa opinión respecto diso.
Todos os consultados accederon a dar a súa versión coa condición de que o seu nome e o do local queden no anonimato. Algúns expresaron o seu malestar co proceder do rexedor e outros se mostraron indiferentes. Como exemplo, dous testemuños. «Eu non entro nin saio. Non me interesa ese tema, eu estou ao meu e nada máis», comentou un hostaleiro de Portas.
Outro criticou a decisión de Vázquez Souto e non descartou algunha medida, xa que «o malestar é grande»: «¿Que me parece? é unha cousa inxusta. Eu pensaba que estaba legal e agora decátome polo xornal de que foi unha adxudicación a dedo». O propietario deste restaurante falou de «competencia desleal aproveitándose dun local público» ao non haber licitación nin poxa pública previa. «Non se pode dar algo aos amigos aproveitándose do ben de todos», remachou.
O BNG de Portas, que o venres deu a coñecer o caso, non quixo difundir o nome do adxudicatario do bar ao entender que «quen actúa irregularmente é o alcalde, non o concesionario». Con todo, o nome desa persoa estaba onte en boca dos hostaleiros. Fontes consultadas por La Voz afirmaron que se trata dunha muller, familiar directa de David Neira Caldas.
Este home testificou o pasado 23 de febreiro no xuízo contra o rexedor por contratar obras e servizos do Concello a empresas da súa familia. En concreto, David Neira foi citado a declarar polo fiscal como socio da empresa Escavaciones Luneira, dedicada ao movemento de terras. Na sentenza, que condenou a Roberto Vázquez a un ano de suspensión e unha multa de 3.600 euros por un delito de negociacións prohibidas aos funcionarios, afírmase que Excaciones Luneira foi unha «empresa interposta» que serviu para evitar unha contratación directa do Concello con entidades vinculadas ao rexedor.

7 de maio de 2010

O BNG denuncia a cesión irregular do edificio da Azucreira

Cacicada e concesión a dedo do Alcalde de Portas

Con data de 31 de marzo de 2009 o Alcalde de Portas, Roberto Vázquez, sen coñecemento do Pleno da Corporación, nin sequera da Xunta de Goberno, autorizou a cesión de uso en precario por un periodo de dous anos do auditorio, a sala de exposición e o salón do edificio da Azucreira a unha persoa particular (ver documento adxunto). Este concesionario, con coñecemento do alcalde, está a explotar economicamente as instalacións mediante un bar-cafetería, pero sen licitación ou poxa pública.

O alcalde está a cometer unha ilegalidade porque autoriza o uso dunhas instalacións municipais a unha persoa concreta sen que ninguén máis poida optar á cesión. Tampouco os negocios próximos poden competir en igualdade de condicións, pois o concesionario non ten que pagar ningún tributo ao concello, nin o consumo de auga e electricidade. Esta é unha cacicada e unha concesión a dedo intolerable.

O BNG non cuestiona se a xestión do actual concesionario das instalacións é axeitada ou non, sen embargo, a cesión é irregular e comporta unha gran inseguridade xurídica para o concesionario en caso dalgún incidente.

O Bloque Nacionalista Galego esixe a revogación inmediata da autorización, e se convoque unha poxa pública, de acordo aos principios de publicidade, concorrencia, transparencia, igualdade e non discriminación, establecendo unhas bases con criterios obxectivos que garantan a igualdade de oportunidades dos interesados na explotación do bar, ademais de evitar a competencia desleal cos negocios próximos.

Nota: o nome do beneficiario do contrato e a súa sinatura mantéñense ocultos deliberadamente para que non se vexa prexudicado. Consideramos que quen actúa irregularmente é o Alcalde, non o concesionario.