19 de abr. de 2010

O BNG denuncia que a captación de auga para o polígono industrial Barro-Meis compromete a subministración da parroquia de Briallos

Un acordo inxusto para o Concello de Portas

A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra pretenden construír de forma inminente unha captación de auga no río Chaín, á altura da parroquia de Briallos, para abastecer ao polígono industrial de Barro-Meis e tamén a todo o concello de Barro.

O pasado 28 de setembro de 2009, a Xunta de Goberno do concello de Portas, órgano onde non está representado o BNG, aprobou un borrador de convenio para a execución das obras. Neste documento o concello de Portas comprométese a poñer a disposición da empresa construtora os terreos necesarios para a captación, unha depuradora e as tubaxes, pero sen recibir contraprestación algunha (ver documento adxunto).

Posteriormente, o Consello da Xunta aprobou o 29 de outubro de 2009 un convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (MAPI), a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPSSH), o Instituto para a Promoción e o Equipamento do Solo Industrial de Pontevedra (Ipespo) e os concellos de Barro e Portas para a execución das obras de abastecemento.

O concello de Portas só ten un acordo verbal, non reflectido no convenio, para poder compartir a captación para abastecer Briallos, parroquia que xa ten dende hai anos unha captación no mesmo punto do río Chaín para a súa subministración.

Ademais, segundo o convenio o concello de Portas renuncia a cobrar taxas pola explotación da captación. Así, mentres os concellos de Barro e Meis se beneficiarán economicamente da explotación da captación ao cobrar taxas pola actividade de empresas no polígono industrial, o concello de Portas está a renunciar a uns ingresos que lle corresponden pola actividade económica xerada.

O Bloque Nacionalista Galego non se fía das boas palabras e esixe que se anule o borrador e se asine un novo convenio onde se garanta que a parroquia de Briallos dispoña para consumo doméstico do caudal depurado suficiente durante todo o ano con prioridade respecto da subministración ao polígono industrial, incluso en época estival, momento no que o caudal do río Chaín se reduce drasticamente. Ademais, o concello de Portas non debe ser menos que os concellos de Barro e Meis, e os beneficios económicos da explotación da captación deben repercutir tamén nas arcas do concello de Portas.

Ningún comentario: