25 de mar. de 2010

O BNG denuncia a parálise do Concello de Portas

O Alcalde non convoca plenos dende hai 3 meses
A última sesión que celebrou o Pleno do Concello de Portas data do pasado luns 28 de decembro de 2009. Dende entón o Alcalde (PP) non convocou ningunha sesión, nin ordinaria nin extraordinaria, incumprindo a lei de Bases de Réxime Local, e o acordo plenario de 13 de xuño de 2007 que establecía a periodicidade dos plenos ordinarios cada 2 meses, cuestión que daquela o Partido Popular impuxera coa súa maioría absoluta.
Estes últimos tres meses, onde non se reuniu o Pleno Municipal, estiveron marcados pola celebración do xuízo contra o alcalde Roberto Vázquez por autocontratación das súas empresas dende o Concello, atopándose agora á espera de sentenza.
A non convocatoria de plenos responde exclusivamente a unha estratexia política marcada dende o Partido Popular, que pretende evitar a exposición pública do Alcalde, e o desgaste que lle poida producir unha sentenza desfavorable, impedindo de paso a función de control e fiscalización da oposición.
Mentres os problemas xudiciais dos cargos locais do Partido Popular se dilucidan, o Alcalde de Portas atópase desaparecido, provocando que o Concello se bloquee. Ao caos organizativo xerado por 18 anos de goberno do PP, engádeselle agora a falla dunha cabeza visible que tome decisións, provocando a parálise do Concello, que ademais se atopa ao borde do colapso económico, con numerosísimas débedas a institucións, provedores, empresas e incluso persoal.
O Bloque Nacionalista Galego denuncia a situación de parálise do Concello de Portas, provocada pola mala xestión e unha estratexia política do Partido Popular que antepón os seus intereses electorais ás necesidades da cidadanía, e esixe a convocatoria inmediata dun pleno ordinario.

23 de mar. de 2010

Asemblea local de Portas

O venres 26 de marzo ás 20:30 h. celebrarase unha asemblea no local da Antiga Cámara Agraria en Portas.
Trataranse temas de política local.
Rógase asistencia e puntualidade.

16 de mar. de 2010

O BNG denuncia que o Concello de Portas malgasta os investimentos do "Plan E 2010"

Nin un céntimo en gasto social

Con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local 2010, ao Concello de Portas correspóndelle unha cantidade de 333.944 € para realizar inversións xeradoras de emprego e actuacións de carácter social. A pesares da relevancia desta inversión para o Concello de Portas, e igual que sucedera co Plan E do ano pasado 2009, o PP aplicando o rodete da súa maioría absoluta excluíu de todo o proceso de selección e decisión de proxectos ao BNG. O grupo de goberno négase a tratar este tema en Pleno, e tampouco lle permite á BNG ter acceso ás actas da Xunta de Goberno, onde realmente se toman todas as decisións e onde a oposición está excluída.
Non existe democracia no Concello de Portas cando o grupo de goberno, saltándose todas as leis e o sentido común, lle nega calquera información á oposición, impedindo de forma efectiva que poida exercer o seu papel de fiscalización.
Segundo a web do Ministerio de Política Territorial, os proxectos presentados polo Concello de Portas a cargo do Fondo Estatal destinan o 87% dos fondos a “Acondicionamento interior da Azucareira” e a “Mirador da antiga Azucareira de Portas”, evidenciando unha vez máis a megalomanía do Alcalde e o seu grupo de goberno. Fronte á crise económica que está a acontecer, e mesmo as elevadísimas débedas do Concello de Portas, o PP resposta cun novo despropósito, insistindo en dilapidar os escasos recursos en obras inútiles que xa levan consumidos centos de miles de euros, en lugar de inversións produtivas tales como un punto limpo, obras de saneamento e abastecemento de auga, rehabilitación de centros culturais, construción e reparación de pistas, convenios de colaboración para a limpeza dos montes,...
Os delirios de grandeza cegan ao Alcalde e o seu grupo de goberno, que antepoñen as súas obsesións e miserias ás necesidades dos veciños e veciñas. A pesares de poder investir ata 66.923,00€ en gasto social, non destinaron a este fin nin un só céntimo.
O Bloque Nacionalista Galego denuncia a conduta antidemocrática do PP de Portas e a dilapidación de fondos públicos para materializar os delirios de grandeza do Alcalde.

1 de mar. de 2010

O BNG presenta unha moción en apoio do Manifesto "Galiza ten dereito"

Estamos asistindo a un proceso de reordenación bancaria, impulsado polo Banco de España e o goberno central, que conleva o risco de que Galiza perda as súas caixas de aforro pola deslocalización dos seus centros de decisión, e que estas entidades de carácter social se transformen en entidades financeiras privadas.
Frente a este risco, as institucións galegas de autogoberno reaxiron. O Parlamento galego adoptou por unanimidade o acordo de establecer como prioridade o mantemento da galeguidade das caixas, a súa solvencia, e a necesidade de tramitar por urxencia a reforma da Lei galega de Caixas. O Parlamento de Galiza aprobou por ampla maioría unha reforma da Lei de Caixas que democratiza estas institucións, fai a súa xestión máis transparente, reforza as faculdades do autogoberno para defender o sistema financeiro propio e supervisar a actuación das caixas, e que garante que estas entidades sexan efectivamente alavancas de desenvolvimento da economía produtiva do País.
A resposta do Goberno central a este acto de afirmación do autogoberno galego non pode ser máis desalentadora: presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Caixas de Galiza que conleva a paralización da súa aplicación nun momento decisivo, o que pode colocalas na situación idonea para que sexan absorbidas por entidades foráneas. Sen a fusión das dúas caixas galegas, Galiza ficaría sen sistema financeiro propio, perdendo un dos principais instrumentos para o seu desenvolvemento económico.
Conscientes da gravedade da situación, manifestamos:
1. Galiza ten dereito a ter un sistema financeiro eficiente ao servizo do País, regulado polo seu Parlamento, como expresión do autogoberno. É vital, por tanto, preservar a Lei de Caixas de Galiza.
2. Galiza ten dereito a que o Estado respecte o autogoberno galego. Que non nos dean tratamento de autonomía de segunda, cuestionando a constitucionalidade da lei galega, si non se fixo coaa basca, a catalá ou a andaluza. Por que se recurre a nosa e non a deses outros territorios? O Goberno central debe reconsiderar o asunto e aceptar que as institucións galegas de autogoberno, dentro do marco competencial vixente, teñen capacidade para dotarnos do marco xurídico que se considere máis acaido para defender os intereses de todas as galegas e galegos,
como ordena o Estatuto de Autonomía de Galiza.
3. Galiza ten dereito a propiciar a fusión das súas caixas. O goberno central tamén debe aceptar que as institucións galegas teñen tanto dereito como as de calquera outra Comunidade Autónoma para impulsar unha fusión dentro do país, cando se cumpren as mesmas condicións. Galiza ten dereito a preservar e garantir a galeguidade das caixas galegas coa súa fusión. Unha fusión paritaria, da que xurda unha Caixa solvente como mellor garantia para os seus traballadores, os impositores e todas e todos os galegos.
Está en xogo boa parte do noso futuro, a dignidade do noso autogoberno e perto de 80.000 millóns de euros en activos, isto é, a maior parte do aforro das galegas e dos galegos. Está en xogo que ese aforro se invista aquí ou se desvíe cara a financiar o desenvolvimento doutros territorios.
Galiza debe defender o seu. Ten dereito.