18 de feb. de 2010

O BNG insta ao Alcalde de Portas a cumprir a lei e crear un rexistro de animais potencialmente perigosos

Portas, 18 de febreiro de 2010. O grupo municipal do BNG de Portas ven de presentar unha moción para que o Concello de Portas cumpra coa lexislación vixente e proceda á creación dun rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.
O BNG lembra no texto da moción que o Concello ten desde hai máis de 10 anos a obriga legal de manter activo un rexistro de animais potencialmente perigosos, e só por deixadez ou neglixencia do alcalde e o seu goberno se pode entender que a día de hoxe Portas careza dun rexistro onde figuren aqueles animais de compañía susceptibles de ocasionar morte ou lesións a persoas ou animais.

17 de feb. de 2010

O BNG presenta unha moción para elaborar unha ordeanza de regulación de tenza de animais potencialmente perigosos

Considéranse animais potencialmente perigosos aqueles que son susceptíbeis de ocasionar morte ou lesións a persoas ou outros animais. O control destes animais compete aos concellos, que teñen a obriga de manter activo un rexistro de animais potencialmente perigosos dende decembro do ano 1999.
A pesar desta obriga legal, o Concello de Portas carece a día de hoxe dun rexistro de animais destas características, a pesares de que pasaron máis de dez anos dende a aprobación do corpo lexislativo que obriga aos concellos a crear un rexistro e conceder as licencias administrativas que habiliten a tenza de animais potencialmente perigosos.
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego considera que é necesario dar cumprimento á lei, exercer axeitadamente as competencias atribuídas ao concello, e polo tanto, regular a concesión das licenzas administrativas para a tenza de animais potencialmente perigosos e o rexistro municipal asociado.

Por todo isto, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou unha Moción no Concello propoñendo ao Pleno da Corporación Municipal de Portas a adopción do seguinte

ACORDO

Elaborar unha “Ordenanza para a regulación da concesión e renovación das licenzas administrativas para a tenza de animais potencialmente perigosos”, e crear a sección local do Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos, que conterá a información referente aos animais de compañía residentes no concello.

15 de feb. de 2010

Autorización de uso en precario das instalacións da Azucreira de Portas

Dende hai meses o Concello de Portas ten cedido, de xeito absolutamente arbitrario e irregular, o uso das instalacións da Azucreira de Portas a un particular, que as explota economicamente en exclusividade, sen mediar ningún tipo de concurso público.
O Alcalde é quen autoriza a cesión das instalacións da Azucreira, sen consideración da Xunta de Goberno e do Pleno Municipal, decisión da cal nin sequera informou.
Ante a insistencia do Grupo Municipal do BNG de Portas o Alcalde admitiu que lle cedeu o uso dunhas instalación municipais a un particular (que obtén un beneficio económico) sen un concurso público onde calquera veciña ou veciño poida competir en igualdade de condicións.
O BNG de Portas dispón dun documento que acredita o delito cometido polo Alcalde de Portas:
Aclaración: O nome do beneficiario e a súa sinatura mantéñense ocultos para que non se vexa perxudicado. Quen actúa irregularmente é o Alcalde, non o particular.

9 de feb. de 2010

Asemblea local de Portas

O venres 12 de febreiro ás 21:00 h. celebrarase unha asemblea no local da Antiga Cámara Agraria en Portas.
Trataranse temas de política local.
Rógase asistencia e puntualidade.