15 de nov. de 2009

Pleno Extraordinario para reprobar o Alcalde de Portas

O Alcalde de Portas acosado por numerosos procesos xudiciais

Mañá, luns 16 de novembro ás 14:50 h. celebrarase unha sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Portas a petición dos grupos da oposición, para que o Pleno se pronuncie sobre a situación creada pola imputación do Alcalde de Portas, Roberto Vázquez Souto (PP) en gravísimos delitos, tanto no ámbito persoal por fraude fiscal á facenda pública, como na súa ostentación de cargo público por negociacións prohibidas aos funcionarios.
Tamén hai que ter en conta outras moitas denuncias de particulares interpostas contra o rexedor de Portas nos xulgados polas súas actuacións dende o goberno local. Denuncias que, pola lentitude da xustiza, están sen resolver a día de hoxe, o que lle permite ir capeando a tempestade.
Tampouco hai que esquecer multas que a Delegación do Goberno lle impuxo recentemente ao Alcalde por infrinxir a lei que prometeu cumprir cando tomou posesión do seu cargo. Multas que teremos que pagar do noso peto todos os veciños e veciñas de Portas, así como as cargas das defensas legais.
No mesmo pleno tamén se tratarán outros asuntos:
- solicitude de documentación e certificacións que o grupo de goberno e a secretaria municipal se negan a proporcionar á oposición, e
- construción dun enlace entre a estrada PO-8004 (Caldas-Vilanoviña) e o futuro corredor Pontevedra-Vilagarcía.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego reclama a dimisión do Alcalde de Portas, Roberto Vázquez Souto, pois cada día que segue no seu cargo acrecenta o dano sobre este pequeno pero honrado Concello, avergonzando ás súas veciñas e veciños, que non se merecen tal trato.