13 de nov. de 2009

A fonte pública e lavadoiro da Regueira en Fontenla (Lantaño) está seca

A indignación da veciñanza vai en aumento
A fonte-lavadoiro de Fontenla en Lantaño presenta un aspecto desolador. Case dous anos despois de que un veciño destruíra esta propiedade veciñal, e pese á reconstrución parcial que levou a cabo o Concello de Portas, a fonte está seca, cousa que os máis vellos do lugar non recordan, e ademais está cuberta de maleza, escombros e verteduras ilegais.
Unha vez mais o desinterese e abandono do grupo de goberno do Partido Popular está a prexudicar os intereses das veciñas e veciños do lugar que se ven privados da auga que ían a buscar a diario para beber. É necesario proceder á construción inmediata dunha nova arqueta, pois a antiga presenta numerosas fendas que se produciran co derribo do lavadoiro e que non se consideraron na reconstrución feita polo concello.
Vinte e un meses despois da destrución do lavadoiro o Alcalde de Portas, Roberto Vázquez, non cumpriu ningunha das promesas que fixo, a saber, o destrutor non foi sancionado, a fonte-lavodoiro non foi recuperada, os verquidos ilegais na canle do regato próximo non foron retirados e a parcela veciñal non foi delimitada.
Mentres, os ánimos dos veciños non decaen, e xa están pensando en novas mobilizacións para que este asunto non caia no esquecemento.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego esixe ao grupo de goberno do Concello de Portas que cumpra os acordos plenarios, segundo os cales se debería recuperar a fonte-lavadoiro de Fontenla, coa construción dunha nova arqueta, a delimitación da parcela municipal con muros, a retirada das verteduras ilegais de escombros e a sanción do destrutor.



A fonte de Fontenla está seca a pesares das intensas choivas de outono.


A maleza invade a parcela municipal, rodeada de verteduras de escombros e restos das obras.