24 de out. de 2009

O BNG de Portas presenta unha moción para reclamar un enlace entre a estrada PO-8004 (Caldas-Vilanoviña) e o corredor Pontevedra-Vilagarcía

Por ser a estrada PO-8004 (Caldas-Vilanoviña) moi importante para o noso Concello e para os lindeiros, que soporta actualmente unha elevada intensidade de tráfico de vehículos que se dirixen do interior á costa e viceversa, é o caso do tránsito orixinado entre Caldas de Reis, Cuntis, Moraña, Campo Lameiro, A Estrada, Silleda, Lalín, Vila de Cruces, e a zona de Cambados, Vilagarcía, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Ribadumia, véndose este tráfico incrementado exponencialmente nos meses de verán. Un enlace nesta estrada co corredor Pontevedra-Vilagarcía ten un especial interese para facilitar e axilizar o tráfico na zona e promover as posibilidades de desenvolvemento de Portas.

Por quedar Portas desfavorecido no pasado e saír prexudicado co paso da Autoestrada do Atlántico sen ter ningún acceso dende o municipio. Tamén por saír especialmente prexudicado coas obras do tren de velocidade alta Vigo-A Coruña, asemade sen ter ningunha vantaxe para o noso Concello, senón todo o contrario prexudicando a permeabilidade de tránsito. Deste xeito, este enlace que se propón, é de vital importancia para unha rápida incorporación á autoestrada AP-9 e para chegar a grandes núcleos poboacionais moi importantes para nós como son Pontevedra, Vilagarcía, Vigo ou Santiago, sobre todo por razóns laborais, hospitalarias, económicas, financeiras, de comercio e mercado.

Porque en termos poboacionais, a non construción deste enlace deixaría a máis da metade da poboación do concello de Portas sen un servizo que a día de hoxe, é moi sinxelo de conseguir que se execute.

Por ser a estrada PO-8004, a principal vía de comunicación rodada, sobre todo das parroquias de Portas e Lantaño, eixo único e principal sobre o cal se apoia o desenvolvemento desta grande parte do Concello.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego considera que sería outro erro histórico e outra oportunidade perdida permitir que as grandes infraestruturas ocupen o territorio do noso concello pero sen poder servirse delas.

Por todo isto, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou unha Moción no Concello propoñendo ao Pleno da Corporación Municipal de Portas a adopción dos seguintes

ACORDOS
1. Instar ao Alcalde e o Concello de Portas a demandar da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galiza a construción dun enlace entre a estrada PO-8004 (Caldas-Vilanoviña) e o corredor Pontevedra-Vilagarcía, que se prevé executar proximamente.
2. Instar ao Alcalde e o Concello de Portas a facer as xestións oportunas para propoñer aos concellos de Caldas de Reis, Vilanova de Arousa e Meis a que se sumen á iniciativa de construción do mencionado enlace.

O BNG de Portas presenta unha moción esixindo copia dunha certificación da Secretaria Municipal

Co obxecto da concentración parcelaria na parroquia de Romai, a Secretaría do Concello de Portas emitiu unha certificación, segundo a cal se atribúe ao Concello de Portas a propiedade da parcela nº 221-2 do polígono nº 7 (segundo plano parcelario da Concentración).
Por outra banda, o veciño Gerardo Fontán Martínez considera que este terreo é da súa propiedade, apoiándose no título de propiedade e no plano catastral (parcela catastral 1093 do polígono 29).
Debido á certificación antes mencionada, o predio está clasificado como “litixinoso” no proceso de concentración parcelaria.
O veciño afectado solicitou en data 15 de maio de 2008 unha copia desta certificación en escrito dirixido ao Alcalde de Portas. Non obtivo resposta.
Con data 15 de outubro de 2008, o mesmo veciño volveu a solicitar por escrito ao Alcalde unha copia da certificación, pero novamente non obtivo resultado. Tamén foron numerosas as ocasións en que se dirixiu oralmente á Secretaria municipal para demandar unha copia da certificación, en todas elas negóuselle a documentación requerida.

Sen entrar a valorar o contido e o sustento dos argumentos que deron lugar a emitir esta certificación, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego considera que é inaceptable que o Alcalde de Portas e a Secretaria municipal se neguen a proporcionar a un interesado directo unha copia dunha certificación emitida pola Secretaría Municipal.

Por todo isto, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou unha Moción no Concello propoñendo ao Pleno da Corporación Municipal de Portas a adopción do seguinte

ACORDO

Instar ao Alcalde de Portas a que proporcione unha copia da certificación emitida pola Secretaría municipal na que se fai referencia á propiedade municipal da parcela nº 221-2 do polígono nº 7 (plano parcelario da parroquia de Romai), tanto ao veciño que a demanda, Gerardo Fontán Martínez, como a cada un dos membros da corporación municipal.