2 de out. de 2009

O BNG responsabiliza ao Alcalde de políticas caciquís

O CONCELLO DE PORTAS INVADE TERREOS PRIVADOS PARA O PLAN E
Con cargo ao Plan Español para o Estímulo da Economía e o Emprego, máis coñecido como Plan E, o Concello de Portas pretende realizar o proxecto titulado “Saneamento e beirarrúas en Bouza – Capela de San Roque (Briallos)“, que foi adxudicado á empresa COVSA cun orzamento de 82.810,43 €.
Para realizar as obras, que comezaron a executarse esta semana, ocupáronse e invadíronse terreos privados sen coñecemento dos propietarios, e polo tanto, sen autorización, pero con pleno coñecemento do Alcalde e polo tanto baixo a súa responsabilidade. Estes feitos provocaron que un veciño se vise obrigado a presentar unha denuncia no xulgado en contra do Concello de Portas, para defender os seus intereses. Agora as obras están paralizadas e probablemente se perdan os fondos estatais para realizar este proxecto, pois polas particularidades do Plan E, é unha condición necesaria e ineludible ter rematadas as obras antes de fin de ano.
É obrigación do Concello poñer a disposición da empresa construtora os terreos necesarios para levar a cabo as obras.
Este feito, que non é illado, é unha técnica habitual empregada polo goberno municipal do Partido Popular, que aplicando a política de feitos consumados, primeiro aprópiase indebidamente de propiedades privadas, e logo se recibe algunha queixa dos prexudicados, trata de acadar unha saída negociada, pero coa presión das máquinas traballando, e fai que en moitos casos as obras se vexan eternamente empantanadas. A Deputación de Pontevedra xa empregou as mesmas técnicas por medio de Covsa nas parroquias de Portas, Romai e Lantaño nas obras de ampliación das estradas de Caldas a Vilanoviña e da Goulla a Valiñas.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego responsabiliza ao grupo de goberno do PP, encabezado polo alcalde Roberto Vázquez, de avasalar ás veciñas e veciños con métodos caciquís para apropiarse de propiedades privadas para obras municipais mediante a política dos feitos consumados, e de comprometer fondos estatais para obras necesarias pola súa ineptitude e mala xestión.