3 de set. de 2009

UNS ORZAMENTOS INSOLIDARIOS PARA OS NECESITADOS DE PORTAS

O BNG DE PORTAS DESMONTA AS MENTIRAS DO ALCALDE

Ante as declaracións inxuriosas que o Alcalde de Portas, o popular Roberto Vázquez, verteu cara os concelleiros do BNG a raíz das informacións difundidas nas que se criticaban os orzamentos municipais de 2009 (aprobados este luns co único voto a favor do Partido Popular), o BNG ten que dicir:

1. O Bloque Nacionalista Galego ratifícase nos datos aportados e lamenta que o Alcalde de Portas se dedique a insultar á oposición, tratando de distraer a atención sobre os vergoñantes datos dos orzamentos aprobados para o ano 2009. Os datos aportados polo BNG son certos, rigurosos e contrastables.

2. A oposición non dispuxo da documentación necesaria: cadro de persoal, bases de execución, liquidación do orzamento do exercicio anterior, entre outros.

3. Aprobouse unha subida salarial do Alcalde do 6%:
“Dedicación exclusiva Sr. Alcalde” (función 11, capítulo 1, artigo 10, concepto 100)
Ano 2008: 40.730,58 €
Ano 2009: 43.039,00 €

4. Aumentouse a partida de dietas un 25%:
“Dietas. Indemnizacións por razón de servizo” (función 11, capítulo 2, artigo 23, concepto 230)
Ano 2008: 9.600,00 €
Ano 2009: 12.000,00 €

5. Mantívose a suculenta partida destinada a “atencións protocolarias e representativas” por valor de 10.000,00 € (función 11, capítulo 2, artigo 22, concepto 226).

6. Reduciuse a partida dedicada a “Asistencia no Fogar” un 61%:
“Atencións benéficas e asistenciais” (función 44, capítulo 4, artigo 48, concepto 480)
Ano 2008: 18.000,00 €
Ano 2009: 7.000,00 €

7. O capítulo de “inversións reais” (capítulo 6) reduciuse nun 33%:
Ano 2008: 1.281.862,72 €
Ano 2009: 859.561,00 €

O Bloque Nacionalista Galego pídelle ao grupo de goberno do Partido Popular que rectifique e aposte en tempos de crise económica por reforzar as políticas sociais e as inversións produtivas, en lugar de engordar o soldo do Alcalde.