25/08/2009

O BNG de Portas presenta unha moción en defensa do Hospital Único para a área sanitaria norte de Pontevedra

Un dos piares nos que se asenta a igualdade e a xustiza social é a sanidade pública. Un dereito fundamental que debe estar garantido para a totalidade da poboación en igualdade de condicións. O nivel de prestacións e servizos da sanidade pública é un dos indicadores principais de calidade de vida dunha sociedade.
Os colectivos sociais, e a sociedade no seu conxunto, levan moitos anos traballando no camiño da mellora das prestacións e servizos sanitarios da área sanitaria norte de Pontevedra. O obxectivo destes anos de traballo coas distintas administracións e de reivindicacións sociais tiveron sempre como horizonte mellorar a calidade da sanidade pública na nosa área funcional.
Un eixo prioritario na actuación dos colectivos sociais sempre foi acadar a construción e posta en servizo dun Hospital Único de referencia, que preste a totalidade dos servizos acordes coas necesidades sanitarias da área.
Os colectivos sociais que traballan pola defensa e mellora da sanidade pública sempre esixiron, e seguen a facelo, compromisos concretos e prazos para a execución deste Hospital: un hospital completo, con todos os servizos, e cunha capacidade adaptada ás necesidades da poboación da área sanitaria norte de Pontevedra.
O recente anuncio do Presidente da Xunta de Galicia e da Conselleira de Sanidade de paralizar a construción do Hospital Único en Montecelo supón o anuncio da renuncia por parte do goberno galego á construción deste equipamento sanitario. As declaracións públicas dos responsábeis do goberno galego amosan con clareza a súa falta de compromiso claro coa sanidade pública na área de Pontevedra: renuncia ao proxecto que está en marcha, aposta polo financiamento privado dos equipamentos sanitarios, presentar como alternativa unha idea de hospital de 300 camas, etc.

Por todo isto, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou unha Moción no Concello propoñendo ao Pleno da Corporación Municipal de Portas a adopción dos seguintes
ACORDOS
1. Esixir á Xunta de Galicia a construción do Hospital Único da área sanitaria norte de Pontevedra, un equipamento que contará cun mínimo de 800 camas dende a súa entra da en servizo.
2. Reclamar do goberno galego a ampliación da carteira de servizos da área sanitaria de acordo coas necesidades sanitarias da mesma.
3. Esixir da Xunta de Galicia o compromiso do financiamento e xestión 100% público deste Hospital.Garantir por parte do goberno galego os compromisos orzamentarios, de xestión e de execución que non supoñan nin máis atrasos nin máis atrancos na construción do hospital.