24 de ago. de 2009

O BNG de Portas presenta unha moción reclamando a gratuidade dos libros de texto

As nais e os pais do alumnado levan décadas loitando por unha mesma causa: que os libros de texto escolares sexan gratuítos para as familias con fillos e fillas matriculados en colexios públicos e concertados. Se como di a Constitución española no seu artigo 27.4 o "ensino básico é obrigatorio e gratuíto", os manuais de texto que o alumnado necesita para seguir o curso tamén deberían selo. Tal e como está configurado o sistema educativo, o libro é aínda un elemento imprescindíbel que as familias están obrigadas a adquirir cada comezo de curso. En realidade, ao esixir este esforzo económico non se cumpre co precepto constitucional, nin se garante a igualdade de oportunidades de todos e todas á educación.
Por Orde de 6 de xuño de 2003 (Diario Oficial de Galiza do 12 de xuño), convocouse o programa de gratuidade de libros de texto nos centros de ensino sostidos con fondos públicos para os niveis obrigatorios e gratuítos, e estabelecéronse as súas normas de organización e funcionamento como un servizo fundamental á sociedade por parte dos poderes públicos, como servizo de préstamos que favorece a igualdade de oportunidades entre o alumnado e inculca valores de solidariedade, conservación do material para a súa reutilización por outras persoas e coidado do ben colectivo.
No curso 2009-2010 dase un paso atrás, cunha obsesión da actual Consellaría de Educación de desmantelar os logros conseguidos en etapas anteriores argumentando que non adoptara aínda medidas concretas sobre o programa impulsado polo goberno anterior con presenza do BNG.
Rexeitamos que unha das primeiras medidas que pon en marcha o goberno do PP sexa a de apoiar os recortes sociais. Desde o BNG, queremos lembrar, que a día de hoxe hai en Galiza 82.000 familias agardando que a Consellaría de Educación defina a súa política en materia educativa, porque aínda non saben que vai pasar cos libros de texto no vindeiro curso académico e qué vai pasar co programa de gratuidade dos libros de texto.
Consideramos inaceptábel a supresión da gratuidade universal dos libros de texto, anunciada polo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, na sesión do Consello Escolar de Galiza do 18 de xuño, admitidas tamén polo presidente da Xunta de Galiza. Esta proposta de recorte, xunto con outras que a Consellaría de Educación está levando adiante nestes primeiros meses do seu mandato, supón unha medida regresiva que atenta ao carácter público e gratuíto do ensino, e evidencia unha vez máis a política neglixente que este goberno está a levar a cabo.
Esta medida non pode ser a resposta do Goberno aos problemas económicos na actual situación, tal e como argumentou o conselleiro. De feito, nun contexto económico precario, o Goberno debe manter a gratuidade dos libros de texto para favorecer a economía das familias, e non usar a crise como pretexto para artellar discrecionalmente calquera tipo de política, mesmo aquelas que supoñen un ataque frontal ás garantías fundamentais polas que o Goberno debe velar. Esta política supón un paso atrás no plano educativo e social.
A tres meses da toma de posesión non sabe qué política educativa vai empregar, finalizando o curso cun total desconcerto e desconfianza por parte das familias.
É curiosa a maneira de entender a responsabilidade deste novo goberno que, por unha banda, realiza unha absurda enquisa ás nais e aos pais sobre a lingua na que queren os contidos dos libros de texto e, pola outra, toma despoticamente a decisión de eliminar a gratuidade dos mesmos.
Finalmente, debemos recordar que o sistema creado polo anterior goberno da Xunta de Galiza introducía a solidariedade de compartir os libros, e que existen 82.000 familias agardando unha decisión.

Por todo isto, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou unha Moción no Concello propoñendo ao Pleno da Corporación Municipal de Portas a adopción do seguinte

ACORDO

Instar á Xunta de Galiza a garantir a gratuidade dos libros de texto e do material curricular no vindeiro curso académico.