28 de maio de 2009

As iniciativas do BNG serán tratadas en pleno, aínda que non lle guste ao alcalde

Pleno extraordinario en Portas solicitado polo BNG
Mañá, venres 29 de maio ás 14:50 h. celebrarase unha sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Portas solicitada polo grupo municipal do BNG para tratar 4 mocións que o Partido Popular se negou a incluír na orde do día de plenos ordinarios.
O PP facendo gala da súa intransixencia e falla de vontade democrática, négase sistematicamente a debater coa oposición sobre os temas que lle preocupan á cidadanía. Ante esta situación, o BNG fixo uso do seu dereito e solicitou un pleno extraordinario para obrigar a que as demandas das veciñas e veciños de Portas sexan escoitadas polos seus gobernantes, que se din chamar populares.
As iniciativas do BNG que se debaterán serán:
1. Xestión integral de residuos sólidos, solicitando a creación dun “punto limpo” para solucionar os vertidos ilegais no Concello, algúns creados polos propios servizos municipais.
2. Elaboración dunhas bases reguladoras de concesión de subvencións, para evitar a concesión discrecional de subvencións e frear as prácticas caciquís do Alcalde.
3. Mellora da seguridade viaria, solicitando a colocación de espellos convexos nalgúns cruces perigos de estradas.
4. Remisión copias das actas das sesións da xunta de goberno, para obrigar ao goberno municipal a cumprir a lei e que entregue á oposición as actas das sesións da xunta de goberno en tempo.

Ante a parálise do goberno municipal de Portas, e a súa negativa a debater as mocións da oposición sobre os asuntos que realmente lle importan ás veciñas e veciños, o Bloque Nacionalista Galego solicitou un pleno extraordinario que se celebrará mañá venres ás 14:50 h.