20 de abr. de 2009

O BNG esixe a creación dun punto limpo en Portas

O BNG presenta unha moción para implantar unha xestión integral de residuos sólidos no concello de Portas
Na actualidade existen numerosos depósitos incontrolados de lixo no concello de Portas que non paran de medrar en tamaño e número. Debido á ausencia dun lugar apropiado en Portas para a xestión dos residuos procedentes de escombros de obras, actividades agrícolas, aceites domésticos, pilas, fluorescentes, etc., algunhas persoas utilizan os montes veciñais como vertedoiros.
Mal exemplo foi o que dou o propio Concello hai uns meses cando creou un vertedoiro ilegal de voluminosos na finca da Azucreira a escasos metros da Galescola, o Centro de Día e o auditorio municipal.
No pasado, tense ocultado o problema dalgúns vertedoiros tapándoos con terra, sen embargo, nin os fai desaparecer, nin resolve a xestión de futuros residuos, que seguen indo a parar ao monte.
Ademais, e a pesares da insistencia do BNG de Portas, segue sen resolverse a problemática da escaseza de colectores de vidro e papel no concello. Unicamente 4 colectores de vidro e 4 de papel nun concello de máis de 3200 habitantes son absolutamente insuficientes, polo que habitualmente están desbordados e desincentivan a reciclaxe.
Tampouco se baleiran de forma periódica os colectores de lixo, vidro e cartón, ou se recollen de forma sistemática a recollida de voluminosos.
É necesario que o concello de Portas implante unha xestión integral dos residuos sólidos, que solucione definitivamente a problemática dos vertedoiros incontrolados nos montes veciñais e promova a reciclaxe e a autocompostaxe.
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego esixe que o Concello de Portas adopte as medidas necesarias para resolver de xeito definitivo e acaída a xestión integral dos residuos sólidos, creando un punto limpo, instalando máis colectores de vidro e papel, e organizando a súa recollida periódica así como dos voluminosos.