19 de feb. de 2009

Asemblea Local de Portas

O venres 20 de febreiro ás 20:30 h. celebrarase unha asemblea local no Teleclube de Romai.
Trataranse temas de política local e preparación para as vindeiras eleccións autonómicas.
Rógase puntualidade.

Anxo Quintana e o BNG, garantía de máis avances para Portas

Durante a última lexislatura do goberno galego o BNG, encabezado por Anxo Quintana, puxo en marcha políticas transformadoras de cambio real, ao servizo das maiorías sociais, mudando de xeito definito e imparable a forma de entender a política e a relación cos cidadáns.
Xa ninguén pode poñer en dúbida o compromiso do Bloque con Portas. Porque os concellos rurais tamén temos dereito a dispór de servizos de calidade, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, dirixida por Anxo Quintana, financiou e creou en Portas unha Galescola e un Centro de Día, sen importar a cor política do goberno local.
Unha ansiada Galescola para que os nenos e nenas de 0 a 3 anos reciban un servizo de atención nunha rede galega, pública e de calidade, favorecendo a conciliación da vida laboral e familiar dos pais e nais.
Un Centro de Día onde os nosos maiores dependentes poidan recibir unha atención terapéutica profesional, manténdose no seu contorno habitual e preto das súas familias, que reducen ás súas cargas.
Tamén outras consellarías de competencia do BNG, como Medio Rural, Innovación e Industria ou Cultura e Deporte realizaron millonarios investimentos en Portas: construción de estradas, saneamento, limpeza e xestión dos montes, construción e rehabilitación de centros culturais, produción cultural, promoción de festas populares,…

Mentres, o PP local adícase a boicotear as actuacións da Xunta, en contra dos intereses dos veciños e veciñas de Portas, con tal de gañar postos dentro do seu propio partido, antepoñendo os seus intereses persoais aos colectivos.
Estrada de San Xoán a Outeiro.

Centro cultural "Domingo Fontán".