11/02/2009

Apagón informativo no Concello de Portas

O alcalde de Portas non convoca plenos ordinarios dente hai 3 meses e medio

O Pleno da corporación leva sen reunirse en sesión ordinaria dende o pasado 31 de outubro de 2008. O alcalde nin convocou un pleno ordinario en decembro, incumprindo os acordos plenarios que o propio grupo de goberno do Partido Popular impuxera coa súa maioría absoluta, nin tampouco dende entón. A lei de Bases de Réxime Local obriga a que o Pleno se reúna en sesión ordinaria a lo menos unha vez cada tres meses.
Tampouco se proporcionan copias das actas das sesións da Xunta de Goberno dende a mesma data, aínda que a lei di que se deben entregar en menos de 10 días dende a súa celebración.
Un mes despois de que a Xunta de Goberno aprobase un Plan de Investimento con cargo ao Fondo Estatal de Investimento Local por valor de máis de medio millón de euros, os concelleiros do BNG aínda non foron informados.
A situación de indefensión dos concelleiros do BNG de Portas é absoluta. Ademáis de que non se convocan plenos ordinarios, as súas preguntas nos anteriores plenos non foron respondidas polo grupo de goberno do Partido Popular nin oralmente nin por escrito.
O apagón informativo no Concello de Portas non é causa dos temporais deste inverno, senón dunha estratexia política do Partido Popular para impedir a función de control e fiscalización da oposición.

Portas vive nunha ditadura democrática.

O Bloque Nacionalista Galego de Portas esixe a convocatoria dun pleno ordinario inmediato, a entrega de copias das actas das sesións da Xunta de Goberno e a resposta por escrito das preguntas formuladas nos plenos pasados.