5 de feb. de 2009

O PP quere entorpecer o mitin do BNG en Portas

AO BNG NON SE LLE PERMITE EMPREGAR A CASA DE CULTURA NIN O AUDITORIO DA AZUCREIRA DE PORTAS

O venres 13 de febreiro ás 20:30 horas, o BNG ten previsto realizar un mitin en Portas, dentro da campaña electoral para as vindeiras eleccións ao Parlamento de Galiza. Presentará Arturo Fontán (concelleiro de Portas) e intervirán: Xavier Loureiro (voceiro do BNG de Portas), Gonzalo Constenla (delegado provincial de Medio Rural) e Iria Aboi (candidata por Pontevedra e Secretaria Xeral de Galiza Nova).
Celebrarase no Teleclube de Romai porque o grupo de goberno do concello de Portas do Partido Popular non permiten o uso da Casa de Cultura nin o Auditorio da Azucreira, impoñendo para a realización de actos de campaña electoral en Portas o local da antiga Escola de Nenas de San Xoán, que é un local totalmente inadecuado e impropio.
Nas campañas máis recentes, eleccións municipais do 2007 e eleccións xerais do 2008, demostrouse que o aforo do local da antiga Escola de Nenas de San Xoán é absolutamente insuficiente para a afluencia aos actos do BNG. Os veciños e veciñas tiveron que sufrir as apreturas do local sen poder sentarse ao non haber asentos para todos. A situación agrávase na época invernal, pois o local carece de calefacción e sofre humidades e goteiras, ao faltar a cumbreira do tellado dende hai dous anos.
Mentres tanto, a Casa de Cultura e o Auditorio da Azucreira, que son as dúas mellores instalacións do Concello, permanencen valeiros e inactivos durante case todo o ano.
Dado que o Partido Popular historicamente non celebra mitins electorais en Portas, non precisa de local e cede para os demáis os peores espazos coa única pretensión de boicotear os actos políticos do BNG.

O Bloque Nacionalista Galego considera que a imposición por parte do grupo de goberno de Portas do Partido Popular dun local inadecuado e impropio para a celebración dos mitins, enmárcase nunha estratexia para limitar a nosa acción política, habendo no concello locais sen uso moito máis axeitados.