15 de xan. de 2009

Aprobado o Plan de Investimentos sen debate plenario

O BNG de Portas denuncia a imposición do Plan por parte do grupo de goberno e a falla de información e control na súa elaboración

O martes 13 de xaneiro a Xunta de Goberno do Concello de Portas, constituída integramente por membros do Partido Popular, aprobou un plan de investimentos con cargo ao Fondo Estatal de Investimento Local por valor de máis de medio millón de euros. Excluíndo deste xeito ao Bloque Nacionalista Galego de todo o proceso de elaboración, aprobación, adxudicación, exucución e control do plan.

O BNG considera que o pleno da Corporación municipal debería ser o órgano que formulase a proposta de investimentos, e así o solicitou nunha moción presentada o 22 de decembro pasado, na que tamén se propoñían obras subvencionables entre as que se pode destacar a reparación dos pavillóns deportivos de Portas e Romai, a rehabilitación dos centros culturais de Lantaño e Romai, a contratación de persoal para a limpeza de pistas e camiños e o saneamento dalgúns lugares.

O grupo de goberno do PP négalle sistematicamente á oposición a máis mínima información pois non convocou nin comisión informativa, nin xunta de portavoces, nin pleno, aprobando o plan de investimentos en xunta de goberno, onde só está representado o Partido Popular por decisión do alcalde. Impedindo incluso o acceso ás actas das sesións da xunta de goberno, polo que o Bloque non pode cumprir o mandato dos seus votantes e controlar a opaca acción do goberno municipal.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego denuncia a falla de debate e a ocultación de información por parte do grupo de goberno do PP, e reclama se teñan en consideración as obras propostas na moción nacionalista para cumprir a principal premisa do Fondo Estatal que é crear emprego ocupando a maior cantidade de man de obra posible.