17/11/2009

O BNG de Portas solicita a dimisión do Alcalde

Fronte a un PP desbordado e desgastado, preséntase un BNG forte que traballa por solucionar os problemas da veciñanza
Onte, luns 16 de novembro ás 14:50 h celebrouse unha sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Portas a petición dos grupos da oposición, para que o Pleno se pronunciase sobre a situación creada pola imputación do Alcalde, Roberto Vázquez (PP) en gravísimos delitos, tanto no ámbito persoal por fraude fiscal á facenda pública, como na súa ostentación de cargo público por negociacións prohibidas aos funcionarios cando autocontratou ás súas empresas familiares para traballos no concello.
O pleno transcorreu tal como se esperaba. Dunha parte, o voceiro do Bloque enumerou algúns dos numerosos escándalos nos que está implicado o Alcalde, e pediulle ao grupo popular que fixese un exercicio de autoreflexión e responsabilidade para que fosen quen de antepoñer os intereses dos veciños e veciñas de Portas aos intereses particulares do Alcalde. Doutra parte, o Alcalde acurralado pola oposición e polos procesos xudiciais abertos contra el, continuou coa súa particular fuxida cara adiante, negando todas as imputacións e acusando á oposición de orquestrar unha conspiración contra el, montando un xuízo paralelo.
O Partido Popular, apoiado na súa maioría absoluta, impediu a reprobación do Alcalde, pero non puido evitar que se evidenciase que hai un grupo, o popular, desgastado e consumido polos procesos xudiciais, mentres que doutro lado atópase un grupo forte que traballa para resolver os problemas reais da xente, propoñendo ideas en lugar de causar problemas.

Ningún comentario: