14/11/2009

O BNG de Portas alega en contra dos recheos en Barosa

Os recheos no entorno do río Barosa prexudican a Portas
O sábado 14 de novembro, o BNG de Portas presentou alegacións en contra da concesión de autorización por parte de Augas de Galicia para que o Concello de Barro realice recheos no entorno do río Barosa, que é linde natural entre os concellos de Portas (marxe dereita) e Barro (marxe esquerda).
O Bloque considera que a mellora do “Parque natural de Barosa” non require de recheos. Hai espazo máis que suficiente para facer un aparcadoiro e usar os terreos á beira do río, que son máis fértiles e axeitados, para realizar a ampliación do espazo natural, sen prexudicar a ninguén, mantendo o nivel freático das terras e podendo plantar as árbores propias do bosque de ribeira sen impactos ambientais negativos.
Son habituais as enchentes do río Barosa que producen o seu desbordamento e as conseguintes inundacións. Estes asolagamentos cobren amplas zonas tanto de Portas coma de Barro, afectando non só a terreos de cultivo, senón tamén a vivendas e outras infraestruturas, que cos recheos no lado de Barro sufrirán inundacións máis importantes, tanto en duración como en cota, polo tanto afectando a un maior número de bens.
Por outra banda, o BNG tamén presentou no Concello de Portas unha moción urxente para tratar o asunto. O Partido Popular terá que definirse, evidenciando unha vez máis se defende intereses partidistas ou os intereses das veciñas e veciños de Portas.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Portas considera que Augas de Galicia non debe conceder autorización ao Concello de Barro para realizar obras no entorno do río Barosa que supoñan unha modificación da zona inundable sen considerar as afeccións nos terreos do municipio de Portas. Ademais, esixe a Augas de Galicia a adopción das medidas necesarias para evitar que as obras no entorno do río Barosa afecten negativamente aos terreos do concello de Portas.

Ningún comentario: