30 de nov. de 2009

Pleno Extraordinario solicitado polo BNG

O xoves 3 de decembro celebrarase un pleno extraordinario na casa do Concello ás 14:50 h., por solicitude do Grupo Municipal do BNG, coa seguinte orde do día:
1. Gratuidade dos libros de texto.
2. Hospital único para a área sanitaria norte de Pontevedra.
3. Local de reunión para os grupos políticos.
4. Horario e publicidade dos plenos da corporación.
5. Fondo estatal para o emprego e a sustentabilidade local 2010.
6. Recheos no entorno do río Barosa.
7. Lista de acredores.

22 de nov. de 2009

Cea-lembranza a tres amigos e compañeiros

O sábado, 21 de novembro ás 21:00 h. celebrouse unha cea-homenaxe para lembrar a tres amigos e compañeiros falecidos recentemente: Manolo García, Idelfonso Antón e Manolo "Padín".
A cea celebrouse no restaurante "Chaido dos Latorre" en Portas cun grande éxito de asistencia, onde amigos e familiares recordaron o seu traballo e bo facer en favor dos veciños e veciñas de Portas.

17 de nov. de 2009

O BNG de Portas solicita a dimisión do Alcalde

Fronte a un PP desbordado e desgastado, preséntase un BNG forte que traballa por solucionar os problemas da veciñanza
Onte, luns 16 de novembro ás 14:50 h celebrouse unha sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Portas a petición dos grupos da oposición, para que o Pleno se pronunciase sobre a situación creada pola imputación do Alcalde, Roberto Vázquez (PP) en gravísimos delitos, tanto no ámbito persoal por fraude fiscal á facenda pública, como na súa ostentación de cargo público por negociacións prohibidas aos funcionarios cando autocontratou ás súas empresas familiares para traballos no concello.
O pleno transcorreu tal como se esperaba. Dunha parte, o voceiro do Bloque enumerou algúns dos numerosos escándalos nos que está implicado o Alcalde, e pediulle ao grupo popular que fixese un exercicio de autoreflexión e responsabilidade para que fosen quen de antepoñer os intereses dos veciños e veciñas de Portas aos intereses particulares do Alcalde. Doutra parte, o Alcalde acurralado pola oposición e polos procesos xudiciais abertos contra el, continuou coa súa particular fuxida cara adiante, negando todas as imputacións e acusando á oposición de orquestrar unha conspiración contra el, montando un xuízo paralelo.
O Partido Popular, apoiado na súa maioría absoluta, impediu a reprobación do Alcalde, pero non puido evitar que se evidenciase que hai un grupo, o popular, desgastado e consumido polos procesos xudiciais, mentres que doutro lado atópase un grupo forte que traballa para resolver os problemas reais da xente, propoñendo ideas en lugar de causar problemas.

15 de nov. de 2009

Pleno Extraordinario para reprobar o Alcalde de Portas

O Alcalde de Portas acosado por numerosos procesos xudiciais

Mañá, luns 16 de novembro ás 14:50 h. celebrarase unha sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Portas a petición dos grupos da oposición, para que o Pleno se pronuncie sobre a situación creada pola imputación do Alcalde de Portas, Roberto Vázquez Souto (PP) en gravísimos delitos, tanto no ámbito persoal por fraude fiscal á facenda pública, como na súa ostentación de cargo público por negociacións prohibidas aos funcionarios.
Tamén hai que ter en conta outras moitas denuncias de particulares interpostas contra o rexedor de Portas nos xulgados polas súas actuacións dende o goberno local. Denuncias que, pola lentitude da xustiza, están sen resolver a día de hoxe, o que lle permite ir capeando a tempestade.
Tampouco hai que esquecer multas que a Delegación do Goberno lle impuxo recentemente ao Alcalde por infrinxir a lei que prometeu cumprir cando tomou posesión do seu cargo. Multas que teremos que pagar do noso peto todos os veciños e veciñas de Portas, así como as cargas das defensas legais.
No mesmo pleno tamén se tratarán outros asuntos:
- solicitude de documentación e certificacións que o grupo de goberno e a secretaria municipal se negan a proporcionar á oposición, e
- construción dun enlace entre a estrada PO-8004 (Caldas-Vilanoviña) e o futuro corredor Pontevedra-Vilagarcía.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego reclama a dimisión do Alcalde de Portas, Roberto Vázquez Souto, pois cada día que segue no seu cargo acrecenta o dano sobre este pequeno pero honrado Concello, avergonzando ás súas veciñas e veciños, que non se merecen tal trato.

14 de nov. de 2009

O BNG de Portas alega en contra dos recheos en Barosa

Os recheos no entorno do río Barosa prexudican a Portas
O sábado 14 de novembro, o BNG de Portas presentou alegacións en contra da concesión de autorización por parte de Augas de Galicia para que o Concello de Barro realice recheos no entorno do río Barosa, que é linde natural entre os concellos de Portas (marxe dereita) e Barro (marxe esquerda).
O Bloque considera que a mellora do “Parque natural de Barosa” non require de recheos. Hai espazo máis que suficiente para facer un aparcadoiro e usar os terreos á beira do río, que son máis fértiles e axeitados, para realizar a ampliación do espazo natural, sen prexudicar a ninguén, mantendo o nivel freático das terras e podendo plantar as árbores propias do bosque de ribeira sen impactos ambientais negativos.
Son habituais as enchentes do río Barosa que producen o seu desbordamento e as conseguintes inundacións. Estes asolagamentos cobren amplas zonas tanto de Portas coma de Barro, afectando non só a terreos de cultivo, senón tamén a vivendas e outras infraestruturas, que cos recheos no lado de Barro sufrirán inundacións máis importantes, tanto en duración como en cota, polo tanto afectando a un maior número de bens.
Por outra banda, o BNG tamén presentou no Concello de Portas unha moción urxente para tratar o asunto. O Partido Popular terá que definirse, evidenciando unha vez máis se defende intereses partidistas ou os intereses das veciñas e veciños de Portas.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Portas considera que Augas de Galicia non debe conceder autorización ao Concello de Barro para realizar obras no entorno do río Barosa que supoñan unha modificación da zona inundable sen considerar as afeccións nos terreos do municipio de Portas. Ademais, esixe a Augas de Galicia a adopción das medidas necesarias para evitar que as obras no entorno do río Barosa afecten negativamente aos terreos do concello de Portas.

13 de nov. de 2009

A fonte pública e lavadoiro da Regueira en Fontenla (Lantaño) está seca

A indignación da veciñanza vai en aumento
A fonte-lavadoiro de Fontenla en Lantaño presenta un aspecto desolador. Case dous anos despois de que un veciño destruíra esta propiedade veciñal, e pese á reconstrución parcial que levou a cabo o Concello de Portas, a fonte está seca, cousa que os máis vellos do lugar non recordan, e ademais está cuberta de maleza, escombros e verteduras ilegais.
Unha vez mais o desinterese e abandono do grupo de goberno do Partido Popular está a prexudicar os intereses das veciñas e veciños do lugar que se ven privados da auga que ían a buscar a diario para beber. É necesario proceder á construción inmediata dunha nova arqueta, pois a antiga presenta numerosas fendas que se produciran co derribo do lavadoiro e que non se consideraron na reconstrución feita polo concello.
Vinte e un meses despois da destrución do lavadoiro o Alcalde de Portas, Roberto Vázquez, non cumpriu ningunha das promesas que fixo, a saber, o destrutor non foi sancionado, a fonte-lavodoiro non foi recuperada, os verquidos ilegais na canle do regato próximo non foron retirados e a parcela veciñal non foi delimitada.
Mentres, os ánimos dos veciños non decaen, e xa están pensando en novas mobilizacións para que este asunto non caia no esquecemento.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego esixe ao grupo de goberno do Concello de Portas que cumpra os acordos plenarios, segundo os cales se debería recuperar a fonte-lavadoiro de Fontenla, coa construción dunha nova arqueta, a delimitación da parcela municipal con muros, a retirada das verteduras ilegais de escombros e a sanción do destrutor.



A fonte de Fontenla está seca a pesares das intensas choivas de outono.


A maleza invade a parcela municipal, rodeada de verteduras de escombros e restos das obras.

12 de nov. de 2009

Pleno Extraordinario

O luns 16 de novembro celebrarase un pleno extraordinario na casa do Concello ás 14:50 h., por solicitude do Grupo Municipal do BNG máis o Grupo Mixto, coa seguinte orde do día:

1. Procesos xudiciais abertos contra o alcalde de Portas.
2. Fondo estatal de inversión local 2009.
3. Programa de inundacións.
4. Certificación da secretaria municipal.
5. Enlace entre a estrada PO-8004 (Caldas-Vilanoviña) e o corredor Pontevedra-Vilagarcía.

11 de nov. de 2009

Cea-Homenaxe a históricos militantes falecidos

O sábado, 21 de novembro ás 21:00 h. celebrarase unha cea-homenaxe para lembrar a tres históricos militantes do BNG de Portas: Manolo García, Idelfonso Antón e Manolo "Padín", que faleceron en datas recentes.
A cea celebrarase no restaurante "Chaido dos Latorre" en Portas, onde contaremos coa asistencia de Xosé Manuel Beiras entre outros amigos e familiares que queren recordar o seu traballo e bo facer en favor dos veciños e veciñas de Portas.

4 de nov. de 2009

Asemblea Local de Portas

O venres 6 de novembro ás 21:00 h. celebrarase unha asemblea local no Teleclube de Romai.
Trataranse temas de política local.
Rógase asistencia e puntualidade.