20 de out. de 2009

O fiscal solicita para o alcalde do PP unha multa de 9.000 euros e dous anos de suspensión de cargo público

O alcalde de Portas, o popular Roberto Vázquez, terá que sentarse no banquiño dos acusados para responder dun suposto delito de negociacións prohibidas aos funcionarios, tipificado no artigo 441 do Código Penal. O caso remóntase ao ano 2000 cando todos os grupos políticos da oposición presentaron unha querela contra o rexedor por «autocontratación con empresas propias e da súa familia» e por «fraude ao Concello, facturación dobre e falsidade».
O xuízo, que está pendente de sinalamento, celebrarase no Xulgado do Penal de Pontevedra.
Segundo transcendeu dos escritos de acusación do fiscal e da acusación particular, o político popular contratou a empresas de seu ámbito familiar e a outras que finalmente contrataban aos seus achegados diversas obras na escola taller, a recollida de lixo do Concello durante un tempo (agosto, setembro e parte de outubro do 1998), o transporte de cruceiros ou o traslado de lonas dende O Porriño a Portas para a celebración de festas da terceira idade.
O fiscal solicita para o alcalde, que leva no cargo dende o 15 de xaneiro de 1992, dous anos de suspensión de emprego e cargo público e unha multa de 9.000 euros. O representante do ministerio público afirma que como rexedor Roberto Vázquez realizou contratacións administrativas «polo sistema de contratación directa con empresas pertencentes ao seu ámbito familiar, das que el é o verdadeiro administrador, e con outras que finalmente contrataban coas súas empresas familiares».
Facturas
En concreto, a firma Comercial Chandouteiro S.L, que ten como socios a tres fillos de Vázquez Souto e como administradora da sociedade á súa muller, realizou, por conta do Concello, traballos na escola taller de Portas emitindo seis facturas por valor de 136.010 pesetas. Outras nove facturas aínda non foron aprobadas nin abonadas.
O fiscal engade que o rexedor é presidente do consello de administración e conselleiro delegado da sociedade Comercial Vázquez Vázquez. Aínda que sinala que esta sociedade non contratou directamente coa Administración local, si o fixo indirectamente a través doutras sociedades para realizar a recollida de lixos de Portas (252.880 pesetas) ou o transporte de lonas (85.840 pesetas).
A acusación particular fai fincapé en que as contratacións fixéronse «á marxe do procedemento legal de contratación administrativa» e amplía as penas que demanda o fiscal. En concreto, expón que o proceder do rexedor incorre nun delito previsto no artigo 439 do Cógido Penal, para o que solicita inhabilitación especial para cargo público durante catro anos e unha multa de 36.000 euros. Como alternativa, propón unha multa de 18.000 euros e tres anos de inhabilitación para un delito previsto no artigo 441. Por último, alude á comisión dun delito previsto no artigo 436, para o que pide dous anos e seis meses de prisión e inhabilitación especial durante oito anos.

Ningún comentario: