01/09/2009

Portas aproba os orzamentos de 2009

O ALCALDE DE PORTAS AUMENTASE O SOLDO UN 6% EN TEMPOS DE CRISE
Onte, luns 31 de agosto ás 14:50 h. celebrouse unha sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Portas no que se aprobaron os orzamentos do ano 2009 co único voto a favor do Partido Popular, a pesares de que a oposición non dispuxo de toda a documentación esixida por lei (cadro de persoal, bases de execución, liquidación do orzamento do exercicio anterior, etc.).
Aínda que todos os días o PP se enche a boca coa palabra “austeridade”, o certo é que coa súa maioría absoluta impuxeron unha subida de soldo para o Alcalde do 6% (pasa de 40.730,58 € a 43.039,00 €), incrementaron as dietas e mantiveron unha suculenta partida destinada a atencións protocolarias.
Pola contra, si se acordaron da austeridade cando reduciron nun 63% a partida dedicada a “Asistencia no Fogar”. Os pobres de Portas terán que aguantar como poidan ata que pase a crise ou a “austeridade popular”.
Destaca tamén a redución dun 33% no capítulo de “inversións reais” respecto do ano 2008, debido basicamente á necesidade de facer fronte a unha sentencia xudicial, que recoñece unha débeda do Concello de Portas á empresa Varela Villamor pola construción do edificio da Azucreira, máis os intereses correspondentes, que ascende a 368.900 € (61 millóns das antigas pesetas).
Curiosamente, presupostouse unha partida para axudar á compra de libros de texto, o cal ven a recoñecer que a política autonómica na materia é pura demagoxia e falsidade.

O Bloque Nacionalista Galego solicitou a devolución dos orzamentos por non adecuarse en absoluto ás necesidades das veciñas e veciños de Portas en tempos de crise. En lugar de reforzar as políticas sociais e as inversións produtivas, o PP avoga por engordar o soldo do Alcalde.

Ningún comentario: