29/05/2009

Portas seguirá repartindo as subvencións a dedo

Apróbanse 3 mocións do BNG en Pleno Extraordinario
O venres 29 de maio ás 14:50 h. celebrouse unha sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Portas, solicitada polo grupo municipal do BNG para tratar 4 mocións que o Partido Popular se negara a incluír na orde do día de plenos ordinarios.
O asunto máis polémico foi a solicitude do BNG para que o grupo de goberno do PP elaborase unhas bases reguladoras de concesión de subvencións, para evitar a concesión discrecional de axudas a asociacións e comisións de festas. Nunha esquizofrénica actuación, o grupo de goberno do PP votou en contra, a pesares de saber que sen estas ordenanzas municipais estase incumprindo a Lei Xeral de Subvencións (38/2003, do 17 de novembro), xustificando a súa postura en que non son necesarias pois as subvencións xa se conceden con “sentido común”. O Alcalde de Portas seguirá repartindo subvencións caciquilmente sen render contas a ninguén.
As outras iniciativas do BNG a debate foron aprobadas por unanimidade: creación dun punto limpo, colocación de espellos convexos para a mellora da seguridade viaria nalgúns cruces e remisión de copias das actas das sesións da xunta de goberno. Sen embargo, o BNG teme que estes acordos sexan papel mollado, e non se leven a cabo como xa sucedeu en numerosas ocasións. Tamén se puxo en evidencia a falla de ideas do goberno municipal para solucionar vellos problemas da cidadanía.
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o grupo de goberno do Partido Popular négase a regular a concesión de subvencións, poñendo en práctica o máis profundo e arraigado caciquismo. O BNG lamenta o déficit democrático que esta actitude do PP supón para o concello de Portas.

28/05/2009

As iniciativas do BNG serán tratadas en pleno, aínda que non lle guste ao alcalde

Pleno extraordinario en Portas solicitado polo BNG
Mañá, venres 29 de maio ás 14:50 h. celebrarase unha sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Portas solicitada polo grupo municipal do BNG para tratar 4 mocións que o Partido Popular se negou a incluír na orde do día de plenos ordinarios.
O PP facendo gala da súa intransixencia e falla de vontade democrática, négase sistematicamente a debater coa oposición sobre os temas que lle preocupan á cidadanía. Ante esta situación, o BNG fixo uso do seu dereito e solicitou un pleno extraordinario para obrigar a que as demandas das veciñas e veciños de Portas sexan escoitadas polos seus gobernantes, que se din chamar populares.
As iniciativas do BNG que se debaterán serán:
1. Xestión integral de residuos sólidos, solicitando a creación dun “punto limpo” para solucionar os vertidos ilegais no Concello, algúns creados polos propios servizos municipais.
2. Elaboración dunhas bases reguladoras de concesión de subvencións, para evitar a concesión discrecional de subvencións e frear as prácticas caciquís do Alcalde.
3. Mellora da seguridade viaria, solicitando a colocación de espellos convexos nalgúns cruces perigos de estradas.
4. Remisión copias das actas das sesións da xunta de goberno, para obrigar ao goberno municipal a cumprir a lei e que entregue á oposición as actas das sesións da xunta de goberno en tempo.

Ante a parálise do goberno municipal de Portas, e a súa negativa a debater as mocións da oposición sobre os asuntos que realmente lle importan ás veciñas e veciños, o Bloque Nacionalista Galego solicitou un pleno extraordinario que se celebrará mañá venres ás 14:50 h.

27/05/2009

Pleno Extraordinario

O venres 29 de maio celebraranse dous plenos extraordinarios na casa do Concello.

O 1º, ás 14:50 h., coa seguinte orde do día:
1. Modificacións de nomeamento membros de mesas electorais, eleccións Parlamento Europeo Xuño 2009.

O 2º, ás 14:55 h., por solicitude do Grupo Municipal do BNG, coa seguinte orde do día:
1. Xestión integral de residuos sólidos.
2. Bases reguladoras de concesión de subvencións.
3. Colocación de espellos convexos en cruces de estradas.
4. Remisión copias das actas das sesións da Xunta de Goberno.

Asemblea local de Portas

O venres 29 de maio ás 21:00 h. celebrarase unha asemblea local no Teleclube de Romai.
Trataranse temas de política local e relativos ás Eleccións Europeas do 7 de xuño.
Rógase asistencia e puntualidade.

18/05/2009

Acto de precampaña con Teresa Táboas

MITIN DE PRECAMPAÑA PARA AS ELECCIÓNS EUROPEAS 2009

XOVES, 21 de maio ás 20:30 h. intervirán:

KEKO GARCÍA Concelleiro do Grupo Municipal do BNG de Portas

BIEITO LOBEIRA Deputado no Parlamento de Galiza

TERESA TÁBOAS Coordinadora Executiva do BNG e Deputada no Parlamento de Galiza

Lugar: Escola de Nenas de San Xoán (Portas)
Hora: 8 e media da tarde (20:30 h)

14/05/2009

Asemblea local de Portas

O venres 15 de maio ás 21:00 h. celebrarase unha asemblea local no Teleclube de Romai. Trataranse temas de política local e relativos ás Eleccións Europeas do 7 de xuño.
Rógase asistencia e puntualidade.

O BNG presenta unha moción para aprobar unhas bases reguladoras de subvencións no concello de Portas

O BNG denuncia a discrecionalidade das subvencións
O grupo de goberno do Partido Popular do Concello de Portas concede discrecionalmente subvencións, o que vulgarmente se coñece como "concesión a dedo", sen ningún tipo de fiscalización e control por parte da oposición. Non se cumpren os principios básicos de publicidade, obxectividade, libre concorrencia, igualdade, transparencia e non discriminación na xestión de subvencións, tal como dispón a Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións.
O Concello de Portas non dispón, con carácter previo ao outorgamento de subvencións, de normas que establezan as bases reguladoras de concesión, non motiva os acordos de concesión de subvencións, e tampouco cumpre a obriga de esixir a xustificación, pola entidade beneficiaria, da aplicación dos fondos recibidos.
Estas afirmacións, xa expresadas polo Consello de Contas de Galicia nun “Informe de fiscalización do Concello de Portas” de data xullo de 2006, seguen estando igualmente vixentes a día de hoxe.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego reclama do Concello de Portas que cumpra a lei xeral de subvencións, evitando a concesión discrecional, irregular e non motivada de subvencións, e solicita a elaboración de ordenanzas municipais específicas de subvencións para:
- Asociacións culturais e deportivas,
- Comisións de festas e outras entidades sen ánimo de lucro.

11/05/2009

O concello de Portas incumpre unha sentenza xudicial

Pleno Extraordinario para pagar unha débeda de hai 4 anos
Mañá, martes 12 de maio ás 14:50 h., celebrarase un pleno extraordinario na casa do Concello de Portas cun polémico punto da orde do día: “Aprobación pago a empresa Varela Villamor”.
Nos anos 2004 e 2005, a empresa construtora Varela Villamor realizou uns traballos de rehabilitación no edificio da Azucreira de Portas, froito dun convenio coa Xunta de Galicia. O concello, gobernado entón e agora polo Partido Popular, recepcionou as obras o día 11 de agosto de 2005, pero negouse a pagarlle á empresa as últimas certificacións por valor de máis de 84 millóns das antigas pesetas, a pesares de que posteriormente o concello seguiu recibindo puntualmente da Xunta todos os cartos comprometidos do convenio asinado.
A empresa construtora demandou ao concello por impago, e obtivo unha sentenza xudicial favorable o día 25 de marzo de 2008, pola cal o concello de Portas lle tiña que pagar a cantidade de 507.465,47 €, máis os intereses correspondentes (recurso 41/07 do xulgado contencioso-administrativo nº 3 de Pontevedra).
Catro anos despois de feitas as obras e máis dun ano despois de publicada a sentenza xudicial, o concello de Portas segue sen liquidar a débeda. Sorprendente situación, tendo en conta o contexto de grave crise económica, especialmente no eido da construción, e máxime cando o Alcalde debería estar especialmente sensibilizado, pois tamén é empresario do sector.
No pleno extraordinario de mañá, o grupo de goberno do Partido Popular pretende aprobar o pago, esquivando con artimañas a súa tramitación correcta a través dos orzamentos municipais, que a mediados de maio seguen sen aprobarse.

O Bloque Nacionalista Galego de Portas denuncia a inxustificable actitude do grupo de goberno do Partido Popular que non asume dende hai 4 anos unha débeda coa empresa construtora Varela Villamor, a pesares de ter recibido da Xunta de Galicia subvencións para o pago dos traballos, e unha sentenza xudicial de marzo de 2008 desfavorable para os intereses municipais.

08/05/2009

Pleno Extraordinario

O martes 12 de maio ás 14:50 h. celebrarase un pleno extraordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:
1. Aprobación acta sesión anterior.
2. Nomeamento membros de mesas electorais, eleccións Parlamento Europeo Xuño 2009.
3. Aprobación pago a empresa Varela Villamor.