22/04/2009

O BNG presenta una moción para mellorar a seguridade vial no Concello de Portas

O BNG solicita a colocación de espellos convexos en cruces con escasa visibilidade
As interseccións nas estradas son puntos de especial perigosidade para o tráfico rodado, polo que é obriga do concello de Portas poñer todos os medios dispoñibles para aumentar a seguridade nestes puntos.
A utilización de espellos convexos en certos cruces ten demostrado ser moi útil para aumentar a visibilidade e reducir os accidentes de tráfico, cun moi reducido custo económico.
Complementando a moción que o BNG presentou en outubro de 2008 titulada “Adopción de medidas para reducir a perigosidade do tráfico no Concello de Portas”, o luns 20 de abril rexistrou unha nova moción solicitando a colocación de espellos convexos en varios cruces do concello que se caracterizan pola súa pouca visibilidade. Algúns exemplos son os cruces de Chandouteiro en Romai, A Bouza en Briallos, Casal en Lantaño e Liñar en Portas.
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego reclama do Concello de Portas que realice as xestións oportunas para colocar espellos convexos nos cruces con escasa visibilidade para o tráfico.

21/04/2009

Pleno Ordinario

O venres 24 de abril ás 14:50 h. celebrarase un pleno ordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:
1. Aprobación actas sesións anteriores.
2. Coñecemento resolucións da Alcaldía.
3. Rogos e preguntas.
O Alcalde négase a incluir na orde do día tres mocións que o grupo municipal do BNG presentou en tempo e forma. Non ten ningunha intención de debater ideas coa oposición, de modo que baleira de contido os plenos ordinarios. Ademais, négase sistematicamente a responder as preguntas plenarias do Bloque, polo que os Plenos da Corporación transfórmanse en meros actos administrativos para xustificar que os concelleiros do Partido Popular cobren 60 euros por asistencia, que non se alonga máis de 5 minutos.

O BNG reclama nunha moción a reparación urxente da cuberta do lavadoiro de Romai Vello

O grupo de goberno do PP non defende o patrimonio do Concello de Portas

No lugar de Romai Vello, parroquia de Romai, hai un lavadoiro cuberto por un tellado de placa soportado por catro vigas prefabricadas de formigón pretensado, que á súa vez descansan sobre catro piares de formigón armado.
Este tipo de vigas prefabricadas están deseñadas para formar parte de forxados unidireccionais de edificacións, e non para soportar grandes cargas, como sucede no caso da cuberta do lavadoiro de Romai Vello.
Esta inadecuada utilización das vigas prefabricadas provocou a súa rotura por cortante nas proximidades dos apoios cos piares. Para evitar o derrube da construción os veciños tuveron que colocar dous puntais metálicos temporais.
Esta situación de apontoamento, que debería ser só provisional, estase a converter pola inacción do grupo de goberno municipal do Partido Popular nunha situación perigosa e sen perspectivas de arranxo a curto prazo.
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego reclama do Concello de Portas que realice as xestións oportunas para reparar de forma urxente a estrutura de cuberta do lavadoiro de Romai Vello.

20/04/2009

O BNG esixe a creación dun punto limpo en Portas

O BNG presenta unha moción para implantar unha xestión integral de residuos sólidos no concello de Portas
Na actualidade existen numerosos depósitos incontrolados de lixo no concello de Portas que non paran de medrar en tamaño e número. Debido á ausencia dun lugar apropiado en Portas para a xestión dos residuos procedentes de escombros de obras, actividades agrícolas, aceites domésticos, pilas, fluorescentes, etc., algunhas persoas utilizan os montes veciñais como vertedoiros.
Mal exemplo foi o que dou o propio Concello hai uns meses cando creou un vertedoiro ilegal de voluminosos na finca da Azucreira a escasos metros da Galescola, o Centro de Día e o auditorio municipal.
No pasado, tense ocultado o problema dalgúns vertedoiros tapándoos con terra, sen embargo, nin os fai desaparecer, nin resolve a xestión de futuros residuos, que seguen indo a parar ao monte.
Ademais, e a pesares da insistencia do BNG de Portas, segue sen resolverse a problemática da escaseza de colectores de vidro e papel no concello. Unicamente 4 colectores de vidro e 4 de papel nun concello de máis de 3200 habitantes son absolutamente insuficientes, polo que habitualmente están desbordados e desincentivan a reciclaxe.
Tampouco se baleiran de forma periódica os colectores de lixo, vidro e cartón, ou se recollen de forma sistemática a recollida de voluminosos.
É necesario que o concello de Portas implante unha xestión integral dos residuos sólidos, que solucione definitivamente a problemática dos vertedoiros incontrolados nos montes veciñais e promova a reciclaxe e a autocompostaxe.
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego esixe que o Concello de Portas adopte as medidas necesarias para resolver de xeito definitivo e acaída a xestión integral dos residuos sólidos, creando un punto limpo, instalando máis colectores de vidro e papel, e organizando a súa recollida periódica así como dos voluminosos.