26/03/2009

Pola incapacidade do Partido Popular, Portas perde as subvencións para paliar as riadas do 2006

Cúmprense as advertencias do BNG de Portas.
No outono de 2006 producíronse as peores riadas en moitos anos no concello de Portas causando graves desperfectos en camiños, muros e terrapléns.
Para paliar os danos, o Estado Central concedeu subvencións para catro obras de reparación de muros por valor de 244.664,02 €, condicionadas a un investimento pola mesma cantidade do concello de Portas, que foi quen realizou os orzamentos.
O grupo municipal do BNG de Portas, ante o silencio do grupo de goberno do Partido Popular, solicitou un pleno extraordinario en decembro de 2007 no cal se aprobou por unanimidade a realización das obras subvencionadas. A pesares deste acordo, o BNG manifestou dúbidas de que o grupo de goberno do PP tivese a intención real de cumprir o compromiso adquirido en pleno.
Hoxe confirmáronse as sospeitas do BNG. A pesares das reiteradas advertencias que o BNG fixo en numerosos plenos ordinarios, o Concello de Portas deixou de ingresar 173.302,87 € (case 29 millóns de pesetas), porque o PP mostrando unha vez máis a súa incapacidade para gobernar, a súa total inoperancia e deixación de funcións, non contratou as dúas obras de maior importe que se deberían ter realizado ambas na parroquia de Briallos.
Onte, 26 de marzo de 2009 rematou o prazo fixado pola administración central para ter totalmente rematadas e xustificadas as obras subvencionadas.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego denuncia a perda de 29 millóns das antigas pesetas en subvencións do Estado para paliar as riadas do outono de 2006 no concello de Portas. A incapacidade para gobernar do PP en Portas provoca que se perda o 71% das axudas concedidas, feito especialmente grave nun contexto de crise económica e de preocupante incremento do paro e falla de actividade nas empresas construtoras afincadas no concello.

24/03/2009

Asemblea Local de Portas

O venres 27 de marzo ás 21:00 h. celebrarase unha asemblea local no Teleclube de Romai.
Trataranse temas de política local.
Rógase asistencia e puntualidade.