20 de feb. de 2009

O PP fai campaña con cartos públicos

O alcalde de Portas ven de publicar un bando municipal para convocar a todos os veciños e veciñas a un acto o próximo domingo 22 de febreiro no auditorio da Azucreira coa presenza do presidente da Deputación de Pontevedra coa escusa de presentar o proxecto do tramo de estrada dende a Ponte Chaín ata Caldas, e anunciar o asfaltado da estrada vella da Ponte Chaín ata a Estación. Por suposto, a todos aqueles que asistan serviráselles un viño.

O BNG denuncia que este acto vulnera as leis electorais ao facerse coincidir coa campaña electoral, e considera que é un mitin electoral do Partido Popular pagado cos cartos de todos os veciños e veciñas de Portas.

A coincidencia do anuncio da realización dunhas obras de escasa importancia (e pertencentes ao Concello de Caldas de Reis) cunha campaña electoral non deixa der ser un dos moitos agravios que o PP está a exercer sobre a democracia.

Tamén hai que recordar que o BNG de Portas ten vetado o uso das instalacións do auditorio da Azucreira por orde do grupo de goberno do PP, sen embargo, non teñen problema en usalas para actos partidistas pagados con cartos públicos.
Quizáis habería que preguntarlle ao presidente da Deputación cando se vai rematar a estrada de Valiñas a A Goulla que leva en obras máis de 10 anos, e por que os gastos do viño non se empregan en arranxar os desperfectos que presenta a obra nos tramos xa executados, onde a auga se acumula en enormes charcos.

Ningún comentario: