14/02/2009

O BNG esixe a reparación urxente e reforma do pavillón de Romai

O pavillón de Romai foi construído con cartos da Comunidade de Montes e co traballo de balde de moitos veciños e veciñas da parroquia, e a día de hoxe, atópase nun estado de abandono absoluto:
- o tellado está furado por numerosos puntos que provocan a inundación da pista cada vez que chove,
- as cerchas da cuberta están oxidadas,
- as paredes presentan numerosas fendas abertas,
- os vestiarios atópanse cheos de escombros e non teñen suministro de auga,
- as ventás están rotas ou sen cristais e a maleza entra por elas,
- a maioría dos focos de iluminación están rotos e fundidos,
- as canastras e porterías están rotas.
Dende a súa inauguración a única inversión que o Concello de Portas fixo no pavillón de Romai foi a colocación dun cartel rotulado en castelán informando de que as instalacións son municipais.
Na moción que o Bloque Nacionalista Galego presentou o 22 de decembro de 2008 con relación ás obras a incluir no fondo estatal de investimento local solicitou no punto 2 a “reparación do pavillón de Romai”. Sen embargo, o grupo de goberno do Concello de Portas non considerou esta moción polo que se perdeu unha grande oportunidade para a reparación destas instalacións.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego reclama do Concello de Portas que asuma de forma urxente a reparación do pavillón de Romai para garantir a seguridade dos seus usuarios e permitir o uso das instalacións con normalidade independentemente dos axentes atmosféricos externos. Tamén son necesarias algunhas reformas para dotar as instalacións dunha adecuada funcionalidade.

Por todo isto, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou unha Moción no Concello propoñendo ao Pleno da Corporación Municipal de Portas a adopción dos seguintes

ACORDOS

1. Reparación urxente da cuberta do pavillón coa sustitución das planchas de fibrocemento rotas ou furadas, e pintado da estrutura metálica.
2. Reparación das fendas nas paredes de cerramento.
3. Colocación nos aleiros do tellado de canaletas de recollida das augas de choiva para evitar que deterioren as paredes de cerramento.
4. Reforma dos vestiarios co alicatado do chan e paredes, a colocación de ventás e o suministro de auga quente sanitaria.
5. Rehabilitación da instalación eléctrica e sustitución dos focos avariados.
6. Instalación de novas porterías e canastras.

Ningún comentario: