14 de feb. de 2009

O BNG esixe o aseguramento do suministro de auga para a traída municipal de Briallos

A Deputación de Pontevedra presentou un proxecto de captación de auga no río Chaín para o abastecemento do polígono industrial de Barro-Meis. Esta captación farase a escasa distancia augas arriba da toma para o abastecemento da parroquia de Briallos.
Segundo os datos que constan no proxecto técnico elaborado pola Deputación de Pontevedra será dificilmente compatible o abastecemento do polígono industrial co mantemento do caudal mínimo ecolóxico para o río Chaín. Tendo en conta que a moi pouca distancia se atopa a estación de bombeo de auga para a traída municipal da parroquia de Briallos, é moi probable que na época estival o caudal sexa insuficiente para o abastecemento de auga en Briallos.
O grupo de goberno do Concello de Portas non presentou ningunha alegación ao proxecto de captación de auga para o polígono industrial de Barro-Meis esquecéndose da súa obriga de defender os intereses dos veciños e veciñas de Briallos.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego reclama do Concello de Portas que garanta o suministro de auga para consumo doméstico na parroquia de Briallos, e que tome todas as medidas necesarias para asegurar este abastecemento diante da Deputación de Pontevedra e o organismo público de Augas de Galicia.

Por todo isto, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou unha Moción no Concello propoñendo ao Pleno da Corporación Municipal de Portas a adopción dos seguintes
ACORDOS

1. Esixir á Deputación de Pontevedra que a captación de auga para o polígono industrial de Barro-Meis manteña o caudal mínimo necesario para o abastecemento doméstico da parroquia de Briallos máis o caudal ecolóxico do río Chaín.
2. Esixir a Augas de Galicia que regule o uso das augas do río Chaín dando prioridade ao consumo doméstico fronte ao consumo industrial, garantindo o suministro á parroquia de Briallos.
3. Realización das obras necesarias na estación de bombeo da traída municipal de augas en Briallos para evitar a interrupción do suministro por mor do atasco da captación por axentes vexetais ou animais.

Ningún comentario: