31/01/2009

O BNG de Portas con Tereixa Táboas

O venres 31 de xaneiro o Bloque de Portas participou en Moraña nunha cea con Tereixa Táboas, conselleira de Vivenda e Solo da Xunta de Galiza e cabeza de lista pola provincia de Pontevedra nas vindeiras eleccións do 1 de marzo.
Puidémoslle transmitir o noso apoio e agradecer o seu compromiso coa xente e non cos grupos de poder que consideran a vivenda, non como un ben de primeira necesidade, senón como un produto especulativo.

Na mesma cea tamén nos puidemos entrevistar coa deputada Carme Dasilva, voceira do BNG no Parlamento de Galiza en temas de Ordeación Territorial e Urbanismo, e Gonzalo Constenla, delegado provincial da Consellaría do Medio Rural.

De esquerda a dereita: Carme Dasilva, Tereixa Táboas, Xavier Loureiro e Gonzalo Constenla.

30/01/2009

Pleno Extraordinario

O martes 3 de febreiro ás 14:50 h. celebrarase un pleno extraordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:
1. Elección membros de mesas eleccións autonómicas marzo/2009.

27/01/2009

Asemblea Local de Portas

O xoves 29 de xaneiro ás 20:30 h. celebrarase unha asemblea local no Teleclube de Romai.
Trataranse temas de política local e preparación para as vindeiras eleccións autonómicas.
Rógase puntualidade.

24/01/2009

O BNG de Portas con Anxo Quintana

O venres 23 de xaneiro o Bloque de Portas entrevistouse con Anxo Quintana, Vicepresidente da Xunta de Galiza e candidato á presidencia nas vindeiras eleccións do 1 de marzo.
Puidémoslle transmitir o noso apoio e agradecer o seu compromiso co Concello de Portas, onde na última lexislatura financiou e creou unha Galescola e un Centro de Día.

15/01/2009

Aprobado o Plan de Investimentos sen debate plenario

O BNG de Portas denuncia a imposición do Plan por parte do grupo de goberno e a falla de información e control na súa elaboración

O martes 13 de xaneiro a Xunta de Goberno do Concello de Portas, constituída integramente por membros do Partido Popular, aprobou un plan de investimentos con cargo ao Fondo Estatal de Investimento Local por valor de máis de medio millón de euros. Excluíndo deste xeito ao Bloque Nacionalista Galego de todo o proceso de elaboración, aprobación, adxudicación, exucución e control do plan.

O BNG considera que o pleno da Corporación municipal debería ser o órgano que formulase a proposta de investimentos, e así o solicitou nunha moción presentada o 22 de decembro pasado, na que tamén se propoñían obras subvencionables entre as que se pode destacar a reparación dos pavillóns deportivos de Portas e Romai, a rehabilitación dos centros culturais de Lantaño e Romai, a contratación de persoal para a limpeza de pistas e camiños e o saneamento dalgúns lugares.

O grupo de goberno do PP négalle sistematicamente á oposición a máis mínima información pois non convocou nin comisión informativa, nin xunta de portavoces, nin pleno, aprobando o plan de investimentos en xunta de goberno, onde só está representado o Partido Popular por decisión do alcalde. Impedindo incluso o acceso ás actas das sesións da xunta de goberno, polo que o Bloque non pode cumprir o mandato dos seus votantes e controlar a opaca acción do goberno municipal.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego denuncia a falla de debate e a ocultación de información por parte do grupo de goberno do PP, e reclama se teñan en consideración as obras propostas na moción nacionalista para cumprir a principal premisa do Fondo Estatal que é crear emprego ocupando a maior cantidade de man de obra posible.

14/01/2009

Asemblea Local de Portas

O venres 16 de xaneiro ás 21:00 h. celebrarase unha asemblea local no Teleclube de Romai.
Trataranse temas de política local e convención eletoral nacional.
Rógase puntualidade.

13/01/2009

Fomento defende a Alternativa 7 para a Variante Oeste de Caldas en resposta ao BNG

A deputada en Madrid do BNG, Olaia Fernández Davila, dirixíase ao Ministerio para trasladarlle o rexeitamento frontal dos concellos de Portas e Caldas a esta alternativa que terá un forte impacto social por atravesar a parroquia de Bemil

O Ministerio de Fomento vén de respostar á deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, que a alternativa 7 para a variante oeste de Caldas de Reis “é a que se estimou como a máis beneficiosa” aínda que recoñece que os concellos de Caldas e Portas “amosáronse partidarios de que sexa sometido de novo o estudo a D.I.A coa alternativa C3 que se desenvolve polo suroeste de Caldas”.

Unha alternativa criticado polos concellos e veciños

A deputada do BNG dirixíase ao Ministerio de Fomento para trasladarlle o rexeitamento frontal dos concellos de Portas e Caldas a esta alternativa que terá un forte impacto social debido a que atravesa a parroquia de Bemil, que “xa padeceu unha grande afectación pola construcción de varias estradas e un gaseoducto”.

Davila critica ao Ministerio que optou por unha alternativa que con moitas alegacións dos concellos aludidos. Un trazado que ademáis do seu impacto tampouco “reduciría o tráfico polo centro de Caldas nen resolvería o problema da conexión coas praias e a estrada de Portas”. A deputada do BNG subliña que os veciños aseguran non entender a “decisión unilateral do Ministerio de Fomento”.

Fomento admite “non coincidir” coas corporacións

Na resposta de Fomento á parlamentar do BNG, o Ministerio redunda na argumentación a favor da alternativa 7 e asegura que “durante a redacción do estudo informativo mantivo a adecuada coordenación coas corporacións locais” e admite que as opinións dos concellos “non son coincidentes co Ministerio”.

O estudo informativo aínda non foi aprobado
Por último, Fomento remata sinalando que “en todo caso, o estudo informativo non foi aprobado definitivamente aínda”.