28 de nov. de 2008

Escándalo na Azucreira

Por moito que o Sr. Alcalde teña a desvergoña de negalo, tal como fixo no seu discurso na Festa da 3ª Idade e como fai en todos os sitios onde ten a oportunidade, para a contrucción do edificio da Azucreira, a Consellaría de Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar investiu 1.162.863,01€ e a Consellaría de Cultura e Deporte 365.000,00€ (ambas consellarías están gobernadas polo BNG), de modo que o Concello de Portas recibiu para estas obras máis de millón e medio de euros (260 millóns de pesetas), ao que hai que engadir achegas doutras consellarías da Xunta e da Deputación. A pesares de que o Concello recibiu puntualmente os cartos correspondentes a todas as anualidades dos convenios asinados, a empresa constructora tivo que demandar ao Concello por impago, pois este quedou a deberlle 507.465,47€ (máis de 84 millóns de pesetas), aínda que a empresa executara as obras conforme ao proxecto constructivo e seguindo as ordes do Sr. Alcalde. Finalmente, o Concello de Portas foi condenado este ano en sentenza xudicial a pagar a débeda contraída. Como o concello non ten os cartos porque os gastou noutras cousas, o goberno municipal do PP tivo que solicitar outro crédito, e xa é o cuarto.
Durante anos o concello estivo a xustificar gastos na Azucreira para cobrar as subvencións da Xunta e sen embargo os cartos recibidos non se destinaron a pagar as obras para as que foran concedidos. Onde se meteron eses cartos? Quen xustificou indebidamente gastos que non se produciron porque non foron pagados?