28/10/2008

Pleno Ordinario

O venres 31 de outubro ás 14:50 h. celebrarase un pleno ordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:
1. Aprobación actas sesións anteriores.
2. Obra proxecto de saneamento en Costa e Mourigán (Romai - Portas).
3. Solicitude anticipo Caixa Cooperación.
4. Informes da Presidencia.
5. Moción sobre realización de actuacións nos montes do Concello (proposta polo BNG).
6. Moción sobre adopción de medidas para reducir a perigosidade do tráfico no Concello (proposta polo BNG).
7. Coñecemento resolucións da Alcaldía.
8. Rogos e preguntas.

O BNG propón a adopción de medidas para reducir a perigosidade do tráfico no Concello de Portas

Dende hai tempo no Concello de Portas non se está a afrontar con seriedade o problema da perigosidade do tráfico rodado. Son numerosos os accidentes con fatais consecuencias e numerosos os incidentes nos que se realizan derrapes, carreiras a altas velocidades, trompos e todo tipo de manobras de extrema perigosidade no entorno de zonas moi habitadas. Esta situación xa se está a voltar inaguantable por parte dos veciños e veciñas do noso Concello.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego reclama do Concello de Portas a adopción de medidas encamiñadas a reducir a perigosidade do tráfico e un axeitado sinalamento nas estradas.

Por todo isto, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou unha Moción no Concello propoñendo ao Pleno da Corporación Municipal de Portas a adopción dos seguintes

ACORDOS
1. Instar á Deputación de Pontevedra á colocación da sinalización necesaria nas estradas da súa competencia que se atopan dende hai anos en obras, a correción das deficiencias e os puntos negros nas estradas da súa titulariedade, así como á súa finalización inmediata.
2. Construcción e sinalización de pasos de peóns con elevación da calzada nas proximidades dos seguintes lugares: centro médico, casa da cultura, Azucreira, escola de nenas de San Juan, recta de Currás (Portas), Outeiro (frente á saída da Igrexa), capela de San Bieito, Casal (no cruce hacia a Igrexa parroquial), Chandouteiro, Outeiriño, estrada N-550 (Briallos), ademáis de onde se considere necesario. Instarase ao Ministerio de Fomento e á Deputación de Pontevedra a que executen estas actuacións nas estradas da súa competencia que pasen polo Concello.
3. Adopción de medidas complementarias para a seguridade nos pasos de peóns como son: elevación da calzada nos pasos, pintado con cores chamativas, instalación de reflectantes, colocación de badéns ou bandas rugosas que limiten a velocidade e sinalización vertical.
4. Colocación de badéns, bandas rugosas ou pasos de peóns elevados nos seguintes lugares: oficina bancaria, escola infantil e centro cultural de Romai, Xagobe, Casal (no cruce hacia Fontenla), albergue de peregrinos e capela de San Roque (Briallos).
5. Instar ás autoridades competentes en materia de tráfico a unha maior e máis eficaz vixiancia do cumprimento das normas de circulación no Concello de Portas.
6. Realización dun estudo por un organismo independente das limitacións de velocidade nas estradas do noso Concello e adopción das medidas necesarias para adaptar a sinalización existente á legalidade e a unha mellor protección dos usuarios das mesmas.